#PequeñasSoluciones: celebramos a ‘X Semana  coa Infancia’ coa CRTVG

Os medios públicos galegos emiten contidos especiais do 16 ao 22 de novembro para promover a vacinación infantil en tempos de COVID-19.

CRTVG y UNICEF 2020

16/11/2020

Por décimo ano consecutivo, a Compañía de Radio/Televisión de Galicia (CRTVG) uniuse a UNICEF na Semana coa infancia, unha semana repleta de contidos que ten como obxectivo promover o cumprimento dos dereitos da infancia e a adolescencia.

Nesta X Semana coa Infancia o ente público informará e sensibilizará, no marco da campaña de UNICEF España #PequeñasSoluciones, sobre a importancia de manter a vacinación de rutina de todos os nenos e nenas do mundo en tempos da  COVID-19, co obxectivo de acadar o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a Axenda 2030.

Os programas de Informativos do ente público colaborarán emitindo entrevistas e reportaxes con foco na inmunización, que constitúe a intervención de saúde pública de maior impacto e retorno para a sanidade e a economía. Participarán a responsable de Emerxencias na oficina de  Cox’ s Bazar de UNICEF Bangladesh, Berta Travieso, e a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito.

Tamén se tratarán contidos relacionados coa educación ou o uso das pantallas. A directora de Sensibilización e Políticas de Infancia de UNICEF España, Carmen Molina, trasladará a importancia dun Pacto de Estado pola Educación, para facer posible unha educación inclusiva e de calidade para os nenos e nenas en España.

Mentres, o profesor titular de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio Rial, explicaranos o estudo sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia liderado por UNICEF e no que colabora tamén o Consello Xeral de Colexios de Informáticos de España.

Outros programas e magazines do ente público darán voz á directora adxunta de Operacións de Emerxencia de UNICEF,  Meritxell  Relaño; ao representante de UNICEF en República Centroafricana, Fran Equiza; ao enfermeiro e divulgador  Héctor  Castiñeira (Enfermeira Saturada), ao doutor Manuel Viso, á escritora María Solar ou á actriz, presentadora e Amiga de UNICEF Comité Galicia, Lucía Regueiro.

#PequeñasSoluciones: novo especial de 'Luar'

Un ano máis, o programa Luar, conducido por Xosé Manuel Gayoso, comprometeuse con UNICEF cun especial sobre a saúde e o benestar da infancia e a adolescencia no seu programa do venres 20 de novembro.

Pola súa banda, os programas de Radio  Galega contarán con contidos especiais e entrevistas nas que expertos en saúde e axuda humanitaria trasladarán o seu labor para salvar vidas. Falaremos do impacto da Covid-19 na infancia en España coa responsable de Incidencia Política e Estudos de UNICEF España, Cristina Junquera, ou do labor de UNICEF en Cuba, e promoverase tamén a participación infantil, dándolle voz aos nenos e nenas de Galicia que traballan día a día para ver cumpridos os seus dereitos.

Tamén o portal web e as redes sociais da CRTVG súmanse, unha vez máis, a este labor de sensibilización e concienciación sobre os dereitos da infancia, así como xornalistas, presentadores e actores galegos, que realizarán chamamentos especiais á colaboración da sociedade para lograr un mundo mellor para todos. Entre eles, Xosé Manuel Piñeiro, Monti Castiñeiras, Kiko Novoa, Xoán Galán, Esther Estévez ou María Xosé Rodríguez.