A pobreza infantil necesita un Pacto de Estado

"A crise é que non temos moito diñeiro, non temos moita comida, pedimos a amigas da miña nai que nos dean roupa" (9 anos). "Na casa fáltannos cousas que antes vía moito, como os refrescos e máis cousas" (8 anos). Aféctame en que cada día estou máis triste. Á miña familia en que cada día teñen máis problemas cos bancos" (8 anos). "Xa non me compran xoguetes, os meus pais discuten porque non teñen diñeiro" (9 anos). Estes son algúns exemplos de testemuños de nenos e nenas aos que se preguntou pola crise e o seu impacto nas súas vidas.

As súas palabras conscientes e responsables entroncan con moitos acontecementos que, nos últimos meses, están a poñer os nenos, nenas e adolescentes nofoco das preocupacións sociais. O último deles é a detección polas organizacións sociais e as administracións públicas dun número crecente de casos de familias queteñen problemas para atender axeitadamente aalimentación dos seus fillos.

Este tema, aínda sendo grave e capaz de mobilizar a conciencia social como poucos, non é un feito illado, senón un síntoma (aínda por cuantificar na maioría dos casos) do progresivo empobrecemento dosfogares en España, cun impacto especial nos fogares con nenos. Segundo Cruz Vermella, o principal factor de risco entre os nenos e nenas aos que atendeu en 2011 foi a falta de recursos, a considerable distancia doutros factores.

Na última décadaaumentou a pobreza infantil en España e en Europa. Xa en 2005 un informe de UNICEF sobre pobreza infantil nos países ricos chamaba a atención sobre o tema: a pobreza dos nenos estábase a facer máis ampla e máis intensa en boa parte do mundo rico.

Dende entón non faltaron estudos e testemuños desta realidade, como o informe deFOESSA de 2006 para o caso español, o seguimento que se dá aos nenos nos informes sobre a Vulnerabilidade Social de Cruz Vermella ou numerosos estudos da OCDE e da Unión Europea ao respecto, que situaban, e sitúan, a España nunha situación preocupante no contexto dos países industrializados.

E é que no noso país os datos anteriores á crise eran xa tan preocupantes como pouco coñecidos. A información estatística dende 1994 ata 2009 estimaba a taxa de risco de pobreza infantil en torno ao 24%. Unha taxa moi elevada que situaba a España en 2009 entre os cinco países con maior nivel de pobreza relativa da Europa dos 27. Os datos máis recentes, de 2011, sitúannos só por diante de Bulgaria e Romanía, cun 27,2% de nenos que viven en fogares baixo o albor da pobreza.
 
E que está a acontecer na crise? Ademais do crecemento en máis de tres puntos porcentuais respecto a 2009, varios indicadores móstrannos que os nenos e as nenas están sufrindo dun xeito especialmente grave o impacto desta. En 2010 os menores de 18 anos foron o grupo de idade en que a taxa de pobreza era máis alta, superando por primeira vez os maiores de 65 anos. O número fogares con nenos nos que ningún dos adultos ten traballo creceu entre 2007 e 2012 nun 169%, fronte ao 60% de crecemento nos fogares sen nenos. E ademais a súa pobreza é máis intensa e máis crónica. En resumo: os nenos baixo o albor da pobreza son agora máis (achegámonos aos 2.300.000),máis pobres e durante máis tempo.

Pero o problema da pobreza cada vez máis visible de nenos e nenas non só responde ao impacto da crise en forma do desemprego dos proxenitores, senón tamén ás decisións sobre políticas públicas de case todas as administracións.

As políticas de austeridade teñen como correlato adiminución da capacidade protectora en ámbitos tan sensibles para os nenos e os seus dereitos como as bolsas escolares, as axudas para libros, o material escolar e as bolsas de comedor (que nun número significativo de familias consegue equilibrar a nutrición infantil) e as axudas sociais dirixidas ás familias.O o incremento dos impostos, do custo e o copagamento de produtos ou servizos que afectan moito aos fogares con nenos (por exemplo: o IVE, o transporte público, a enerxía ou o custo dos medicamentos).
 

Como organizacións que traballamos coa infancia, temos que sinalar que o impacto destas medidas se percibe xa con crueza nun sector da poboación tan sensible como son os nenos e as nenas. E aínda máis en colectivos infantís en situación de especial vulnerabilidade, entre eles os nenos con minusvalidez, os xitanos ou os de orixe estranxeira.


As familias con nenos sacrifican moitas cousas por manter uns niveis básicos de benestar para os seus fillos e fillas. Pero se o emprego, os aforros e as prestacións se esgotan, as bolsas e as axudas minguan ou mesmo a axuda familiar se remata, vense na situación de ter que reducir os seus gastos en aspectos tan elementais como a comida ou, por exemplo, renunciar á súa vivenda. En resumo: non é un problema de só de nutrición, é un problema de recursos e falta de apoio aos fogares con nenos. E tamén é un problema do enfoque das políticas públicas.


Por iso, volvendo ao principio, non confundamos o síntoma coa enfermidade. Os problemas de calidade da nutrición son a punta do iceberg da falta de redes protectoras no noso estado do benestar para un dos colectivos en situación de maior vulnerabilidade: a infancia.

Só a capacidade protectora dun sistema universal, froito dun consenso político de longo percorrido, como o sistema de pensións, consegue conter o risco de exclusión social en moitas persoas maiores e as súas familias. A infancia precisa tamén un sistema universal de protección, froito dun consenso similar, con visión de Estado a medio e longo prazo.


Pero, que é o que debemos protexer custe o que custe? Aínda recoñecendo a complexidade que esconden, trátase de cousas sinxelas, baseadas en necesidades e dereitos. Son metas necesarias e á vez liñas vermellas que ningún Estado debería superar e que se poden resumir en cinco propósitos que ben puideran ser obxecto dun pacto político e cidadán contra apobreza infantil:

  • Ningún neno nin nena sen acceso aos alimentos e elementos materiais necesarios e axeitados para o seu desenvolvemento.
  • Ningún neno sen unha vivenda digna.
  • Ningún neno sen un acceso completo e en igualdade de oportunidades á educación.
  • Ningún neno sen acceso a unha sanidade de calidade e en igualdade de condicións.
  • Ningún neno sen a protección adecuada ante o desamparo ou a violencia.
 

Sería necesario asumir este pacto non só por parte dos partidos políticos e das administracións, senón tamén pola sociedade no seu conxunto. Vivimos nun país que é aínda recoñecido pola calidade das relacións entre pais e fillos e pola fortaleza das súas redes de apoio familiar, e que non obstante (e quizais por iso) se caracterizou historicamente por un deficitario investimento en políticas sociais dirixidas á familia e a infancia. Políticas que nestes tempos de crise demostraron a súa inconsistencia e fraxilidade.


As comparacións internacionais dinnos que é posible loitar contra a pobreza infantil, mesmo nestes tempos. Que a redución da pobreza nos nenos ten máis que ver coas decisións políticas e as prioridades públicas que coa marcha xeral da economía ou o nivel de ingresos dos países. Os datos de Eurostat dinnos que Francia, Hungría ou a República Checa son capaces de reducir, mediante a intervención pública, os seus respectivos niveis de pobreza infantil á metade, mentres que Italia e España apenas o fan nunha cuarta parte, e que todos os países da UE agás Grecia son máis eficaces ca nós nesta tarefa.


Por iso, o compromiso debe empezar a cambiar o que era necesario transformar fai xa tempo: asumir que a protección e o desenvolvemento dos nenos son un tema de todos, non só das súas familias. E que os impactos negativos no seu benestar e os seus dereitos non son só un problema ético ou de dereitos humanos, senón que tamén son e serán impactos negativos no benestar económico e social de todos os cidadáns e cidadás.

E a oportunidade de comezar nese camiño é agora. Neste momento o Goberno está a elaborar o Plan Nacional de Acción para a Inclusión Social 2013-2016 e comprometeuse publicamente a que a pobreza infantil sexa unhaprioridade neste documento. Dende varias organizacións e plataformas propuxemos 32 medidas para este Plan estreitamente ligadas ao enfoque da recente Recomendación sobre Inverter en Infancia que fixo Comisión Europea aos países membros. Para todo iso, e dentro da loita máis ampla contra a pobreza en xeral, é necesario tamén contar cos recursos axeitados, entre eles conseguir o destino do 20% dos Fondos Estruturais da Unión Europea a este fin.

As mencionadas propostas van dende a revisión da carga impositiva das familias á compensación degastos familiares mediante o incremento de bolsas e axudas, pasando pola eliminación de obstáculos para o acceso a dereitos básicos (como o dereito a unha nutrición axeitada, á educación, á saúde e a unha vivenda digna). Xunto a estas, outras propostas céntranse na mellora da conciliación ou na participación dos propios nenos e nenas, e as súas familias, no deseño das políticas. Propostas realizadas dende o convencemento de que o investimento en infancia é unha aposta ineludible nestes momentos, e un dos mellores antídotos fronte a esta e futuras crises.
 
 
Aldeas Infantiles SOS, Pedro Puig, Presidente  
CERMI (Comité Español de Representantes de Persoas conMinusvalidez), Pilar Villarino, Directora Executiva
EAPN España (Red Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social), Carlos Susías, Presidente 
Fundación Secretariado Gitano, Pedro Puente, Presidente 
Plataforma de Organizacions de Infancia, Carlos Martínez-Almeida, Presidente. 
Proxecto Solidario, Adolfo Lacuesta, Presidente. 
Save the Children, Alberto Soteres, Director Xeral  
UNICEF España, Javier Martos, Director Executivo