A pobreza infantil nos programas electorais
Por Gabriel González-Bueno Uribe, Responsable de Dereitos da Infancia de UNICEF España
O deseño e posta en marcha dun Plan Nacional contra a pobreza infantil foi a principal proposta que UNICEF España realizou aos partidos políticos para que o tivesen en conta nos seus programas electorais.
Nestes momentos previos ás eleccións, satisfainos comprobar que a gran maioría dos partidos que previsiblemente formarán parte de Parlamento na próxima lexislatura recolleron esta proposición. O Partido Popular recolle no seu programa o impulso a "un plan nacional de loita contra a pobreza infantil que identifique as accións prioritarias a favor da inclusión social dos nenos". O Partido Socialista Obreiro Español inclúe o compromiso de elaborar "en consonancia coas propostas de Nacións Unidas, un Plan de loita contra a pobreza e a exclusión social infantil, que estableza unha acción coordinada, complementaria e eficaz das Administracións Públicas".
Esquerda Unida recolle no seu programa a proposta de"incrementar a porcentaxe de gasto público destinada ás familias e a infancia, ata alcanzar polo menos a media europea do 2,3% " e "aprobar un Plan de acción contra a pobreza infantil e polo benestar da infancia".Converxencia i Unió tamén impulsará a "elaboración e implementación de Plan Estatal contra a pobreza infantil, de acordo coa recomendación do Comité dos Dereitos do Neno de 2010,". Outros partidos como Esquerra Republicana de Catalunya e Iniciativaper Catalunya Verds, tamén inclúen nos seus programas esta proposta.
Dende UNICEF España agradecemos aos partidos políticos o respaldo a esta proposta e a súa disposición a escoitar a voz das organizacións que defenden os dereitos da infancia. A nova lexislatura que se inicia a partir das eleccións do 20 de novembro, coincidindo co Día Universal dos Dereitos do Neno, ábrenos así unha porta para seguir traballando de forma eficaz na loita contra a pobreza infantil en España e seguir facéndoo tamén fóra das nosas fronteiras.