Por unha recuperación con rostro humano

Debido ao forte impacto que está a causar nos nenos de todo o mundo tanto a crise económica coma as medidas de axuste impulsadas por decenas de países, UNICEF insta a poñer en marcha "unha recuperación con rostro humano. "

A experiencia acumulada por UNICEF ao longo das tres últimas décadas, mediante análise de situación e propostas políticas para afrontar as sucesivas crises económicas que afectaron a países de América Latina, Asia e África, permítelle achegar un sólido conxunto de leccións aprendidas, baseadas en evidencias contrastadas e en recomendacións políticas viables.


O informe Por unha recuperación con rostro humano recomenda garantir que as necesidades dos nenos ocupan o primeiro lugar á hora de decidir a asignación dos recursos dispoñibles; dar prioridade aos indicadores sociais que avalían o impacto da crise nas persoas e familias; e promover un amplo diálogo social e político a nivel nacional para encontrar a "fórmula" axeitada para saír da crise dunha forma equitativa e sostible.


O documento, realizado polo economista Tomás Jiménez e baseado en contribucións de expertos de todo o mundo coordinadas por UNICEF, destaca que aspolíticas de control presupostario queteñen en conta de forma explícita as necesidades en materia de saúde, nutrición, educación, emprego e vivenda dignospara os grupos de poboación máis vulnerables, serán máis axeitadas para protexer e promover o benestar humano que aqueles plans que ignoran ou consideran de forma secundaria ou residual estas necesidades básicas. Isto significa que as políticas de axuste e austeridade non só teñen que considerar se conseguen os seus obxectivos económicos senón tamén como os conseguen.

MILLóNS DE NenOS e FAMILIAS CADA VEZ COMEN MENOS e PEOR
Tras analizar as tendencias de emprego e salarios, o prezo dos alimentos e as medidas postas en marcha contra a crise en países de todo o mundo, UNICEF subliña que, unha vez máis, os nenos e as familias máis vulnerables son os máis afectados pola crise económica global.

Millóns de nenos e familias en todo o mundo cada vez comen menos e peor. A principios de 2012, as familias de 55 países analizados no informe estaban a pagar un 80% máis polos alimentos básicos en comparación coa situación anterior á crise de 2007-2008. O desemprego e subemprego masivos tamén están a facer estragos e constitúen o trazo común máis significativo da crise global, que afecta tanto aos países desenvolvidos como en desenvolvemento. En 2012, 197 millóns de persoas, nunha gran proporción novos, non tiñan traballo.

Moitas familias gastan cada vez menos en saúde e vense obrigadas a aumentar as xornadas de traballo, abandonar ou deixar sós os nenos, e mesmo a involucralos en traballos domésticos ou fóra do fogar, o que diminúe a asistencia dos nenos ás escolas.
HAi FAMILIAS QUE PIDEN PRESTAMOS PARA COMER 
Tamén está a crecer o endebedamento. Hai familias en India que chegaron a pedir préstamos para poder comer ou pagar a electricidade e que chegaron a vender ata os utensilios de cociña. Estas tendencias estanse a observar sobre todo nas zonas máis desfavorecidas do planeta, aínda que comezan cada vez máis a darse tamén nas familias das economías máis ricas do mundo, con distintos niveis de intensidade. Nalgúns fogares europeos, o almorzo e a merenda xa empezaron a desaparecer.

Todos estes sinais evidencian que a capacidade de resistencia das familias fronte á crise cada vez é menor, o cal fai que o investimento público sexa máis necesario que nunca.

A protección dos nenos e das súas familias é unha cuestión de principios,porque o investimento na infancia máis vulnerable é un imperativo moral e un medio esencial para lograr os obxectivos de desenvolvemento acordados internacionalmente, entre eles os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM). Pero é tamén unha boa política económica, porque o investimento na infancia e os grupos de poboación máis desfavorecidos é necesario para mellorar o capital humano e incrementar a produtividade, así como para ampliar os mercados internos e xerar un crecemento económico inclusivo e sostible.

A crise económica actual e as súas consecuencias sociais fan necesario repensar as políticas e o actual modelo socio-económico a escala global. Hai alternativas para promover unha recuperación económica socialmente responsable que non xere máis desigualdade, que dea resposta ás ameazas máis inmediatas, como a inseguridade alimentaria e o desemprego xuvenil, e que garanta unha protección axeitada da infancia e as súas familias, verdadeiro epicentro dos impactos desta crise global.