Previmos a desnutrición infantil en Siria
Con el apoyo de la Diputación de Pontevedra, distribuimos suministros nutricionales y kits de agua potable, saneamiento e higiene a la población afectada por los terremotos.
Previmos a desnutrición infantil en Siria
Co apoio da Deputación de Pontevedra, distribuímos subministracións nutricionais e kits de auga potable, saneamento e hixiene á poboación afectada polos terremotos.
30/08/2023
A Deputación de Pontevedra implícase con UNICEF en Siria para paliar os efectos dos terremotos que sacudiron o país o pasado mes de febreiro.
O plan de resposta de UNICEF en Siria prevé atender as necesidades humanitarias de 5,4 millóns de persoas, incluídos 2,6 millóns de nenas e nenos.
Ademais de atender as necesidades humanitarias da poboación afectada nos ámbitos de nutrición, educación, protección, auga, hixiene e saneamento, o plan inclúe a reconstrución da infraestrutura danada e a restauración dos servizos básicos.
Subministracións nutricionais e auga potable
Co apoio da Deputación de Pontevedra, UNICEF adquirirá suplementos nutricionais e medicamentos esenciais para acompañar o tratamento da desnutrición nos casos que teñen complicacións médicas como malaria, diarrea ou infeccións respiratorias. Ademais, co obxectivo de mellorar o estado nutricional das nais e as mulleres en período de lactación, a colaboración inclúe a subministración de ferro e ácido fólico para este sector da poboación.
Outra das actividades clave é a provisión, subministración e mantemento de auga potable e de auga para usos domésticos. Instalaranse tanques de almacenaxe e xeradores e realizaranse probas de calidade da auga das fontes para detectar contaminación bacteriana.
Ademais, proporcionaranse materiais que achegan ás familias a posibilidade dun acceso rápido á auga para as súas tarefas diarias, para o que se distribuirán caldeiros e bidóns ás familias afectadas que precisen medios de recolección de auga para beber, o lavado, a cociña e a hixiene. Tamén se están subministrando materiais para a correcta xestión de residuos e estase apoiando a construción de instalacións de saneamento como latrinas.