República Centroafricana: 2 de cada 5 nenos sen asistencia vital

Cúmprese un ano do estalido de violencia extrema que sacudiu a República Centroafricana e 2 de cada 5 nenos que necesitan urxentemente o apoio de UNICEF seguen sen recibir axuda humanitaria vital.

Dende UNICEF denunciam
os que a grave falta de financiamento e a inseguridade -como por exemplo as barricadas nas estradas, os saqueos e os ataques contra traballadores humanitarios- deixaron sen acceso aos servizos esenciais de saúde, auga, educación e protección aos nenos que esperaban axudar este ano.

 

República Centroaficana: os nenos xa non están nos titulares

"Os nenos na República Centroafricana xa non están nos titulares, pero máis de 2,5 millóns seguen vivindo nun medo constante", explica Manuel Fontaine, Director Rexional de UNICEF para África Occidental e Central. "Teñen moi pouco acceso aos servizos esenciais e dependen totalmente da axuda humanitaria. Mentres nos preparamos para celebrar o Ano Novo, debemos aproveitar a oportunidade para dar un futuro mellor aos nenos de República Centroafricana".

Debido a que este ano se recibiu menos da metade dos fondos de emerxencia necesarios, e a que o acceso humanitario estivo limitado debido á violencia, dende UNICEF tiv
emos que realizar grandes esforzos para ofrecer a asistencia vital que as comunidades necesitan.

  • 620.000 persoas non puideron recibir atención médica nin medicamentos básicos
  • 250.000 persoas non tiveron acceso a fontes melloradas de auga
  • 33.000 nenos non foron vacinados contra o sarampelo
  • 5.000 nenos menores de cinco anos gravemente desnutridos non recibiron tratamento.

República Centroafricana: un neno foi asasinado ou mutilado todos os días de 2014

No momento máis álxido da crise, a loita e os enfrontamentos xeneralizados obrigaron a preto de medio millón de nenos a abandonar os seus fogares. O conflito destruíu as comunidades de todo o país, deixando un ronsel de destrución e o colapso dos servizos básicos. Unha media de polo menos un neno foi asasinado ou mutilado todos os días deste ano na República Centroafricana. Os grupos armados recrutaron unha cifra próxima aos 10.000 nenos.

"Detrás do horror da violación e o asasinato hai moitos mestres, vacinadores, traballadores sociais e médicos na primeira liña de batalla que se arriscan todos os días en pro dos nenos", explica Manuel Fontaine. "Sen apoio, o seu traballo para salvar vidas está ameazado, e é moi posible bótense a perder a maior parte dos progresos alcanzados este ano. "

Xunto coas autoridades e os aliados locais, dende UNICEF 
puidemos prestar servizos esenciais a miles de familias necesitadas. Preto de 1,4 millóns de persoas recibiron medicamentos; máis de 1 millón de nenos foron vacinados contra a poliomielite; aproximadamente 550.000 mosquiteiras foron distribuídas para protexer as familias contra o paludismo; e máis de 22.300 nenos con desnutrición grave recibiron tratamento terapéutico.

 

República Centroafricana: a crise  amplíase aos países veciños

Ao mesmo tempo, a crise estase a ampliar ao longo das fronteiras. Nos últimos 12 meses, a violencia xerou 188.000 novos refuxiados que fuxiron aos países veciños, como o Camerún, o Chad, o Congo e a República Democrática do Congo. Máis do 80% das persoas que foxen da violencia a través das fronteiras son nenos e mulleres. Ademais, preto de 430.000 persoas que fuxiron dos seus fogares seguen desprazadas dentro da propia República Centroafricana. Máis de 16.000 persoas das poboacións minoritarias mantéñense asediados en enclaves rodeados por grupos armados.

Dende UNICEF facemos un chamamento por 58 millóns de euros para levar a cabo en 2015 os seus programas de emerxencia na República Centroafricana; o obxectivo é reconstruír os servizos sociais, protexer os civís, involucrar as comunidades para fomentar a reconciliación e promover a paz.

Axuda aos nenos de República Centroafricana