República Centroafricana: Que se necesita para liberar un neno dun grupo armado?

Unha parte importante do labor de UNICEF na República Centroafricana é a desmobilización dos nenos recrutados polos grupos armados.

No que vai deste ano, o noso equipo conseguiu liberar máis de 1.000 nenos recrutados.

A liberación dun neno implica un longo e delicado proceso de negociación que pode ser mellor descrito a través do relato do que pasou nun mércores recente, cando tres dos nosos compañeiros traballaban para liberar grupos de nenos de tres rexións de República Centroafricana.

Ese mércores, o noso representante Souleymane Diabate estaba en Bangui, onde se reuniu co coordinador político provisional do grupo armado ex Séléka.

Dende 2013, Souleymane xogou un papel clave na liberación de centos de nenos das filas de ex-Séléka.

Moitos comandantes son remisos a desprenderse dos nenos recrutados porque son algúns dos mellores loitadores. Para convencelos é necesario un esforzo de delicada diplomacia, no que hai que crear un espazo para que os líderes dos grupos armados se sintan respectados como aliados.

O persoal de UNICEF explicou aos comandantes a responsabilidade dos militares na protección dos civís, incluída os nenos (estes comandantes a miúdo vense a si mesmos como os heroes populares da República Centroafricana).

Tamén traballaron cos comandantes para volver definir quen entra na categoría de "neno". Moitos cren que un neno é só un menor de cinco anos de idade. É fundamental ampliar esta definición para protexer os nenos maiores e os adolescentes. Despois de reunirse con Souleymane, o coordinador político do ex-Séléka renovou o compromiso de traballar con UNICEF e a ONU para poñer fin á utilización e recrutamento de nenos.
 
Ese mesmo mércores, o noso compañeiro Sam estivo en Pissa, no sueste do país, para preparar a liberación dos nenos da Anti-Balaka. Os comandantes identificaran os nenos que había nas súas filas, pero antes de liberalos, primeiro deben ser entrevistados para determinar a súa idade, os seus antecedentes e a súa relación co grupo. Isto faise para verificar que o neno en realidade é ou non membro do grupo armado. Sam preguntaba aos nenos unha serie de cuestións simples, como cando e onde foron recrutados, onde tiveron lugar algunhas batallas recentes e cando fora a última vez que viran os seus pais.
 
Despois de encher un formulario estándar, os traballadores sociais adestrados poden xulgar se un neno foi ou non membro dun grupo armado.

Os nenos que se incorporan ao programa de rehabilitación de UNICEF son matriculados en programas de formación profesional e obteñen outros beneficios, polo que existe a posibilidade de que haxa persoas que traten de inscribir outros nenos (que non estaban en grupos armados) no programa.

Na maioría dos traballos de verificación descóbrese que preto do 80% dos nenos foran recrutados por parte de grupos armados.

O exercicio de verificación facíao soamente o persoal de UNICEF de República Centroafricana, pero agora hai tantos nenos en grupos armados (estímase que entre 8.000 e 10.000) que UNICEF tivo que formar máis de 70 traballadores sociais para que lles axude a levar a cabo o proceso de verificación.

En virtude dos acordos asinados entre os grupos armados e as Nacións Unidas, os grupos xa non recrutan nenos nin readmiten de novo aos que foron postos en liberdade.
 
No leste do país, outro compañeiro de UNICEF, Benoit, reuníase con COOPI, que son socios, para supervisar a construción dun centro de transición que poida acoller máis de 200 nenos despois de ser liberados do grupo ex-Séléka nesa parte do país. Os traballos están a rematar moi rapidamente, polo que o centro podería estar listo para aceptar a todos os nenos que están a punto de ser postos en liberdade.

Situado no leste do país, este é o único centro de transición na República Centroafricana. Noutras partes do país, os nenos son enviados con familias de acollida. O centro de transición de Bangui pechouse despois de que todos os menores fosen acollidos en adopción exitosamente por familias da comunidade.

No centro de transición, aos pequenos dáselles a oportunidade de reconstruír a súa vida e imaxinar un futuro fóra do grupo armado. Eles tamén poden regresar á escola ou aprender un oficio.
 
Dependendo da súa adaptación á vida civil, poden permanecer no centro de transición entre un e tres meses. Mentres estudan e reciben apoio psicosocial, búscase e trabállase coas súas familias. Sempre que é posible, reúnense coas súas familias, e para os que non poden, búscanse familias de acollida.

A localización das familias realízaa o Comité Internacional da Cruz Vermella, que leva a cabo unha entrevista ao neno e solicita máis información sobre a familia, o lugar onde viven ou de onde poderían ter fuxido, etc. Ábrese entón un arquivo de xestión de casos e entre unha a catro semanas despois adóitase encontrar á familia, aínda que pode levar máis tempo se a familia agora vive ao outro lado da fronteira.

O proceso de liberación dun neno dun grupo armado é, sen dúbida, un proceso longo e complexo. Require que UNICEF traballe ao máis alto nivel, tamén coas familias nas comunidades. Necesítanse moitos días como o pasado mércores para que isto aconteza. Pero cando a xente de todo o país se une en torno a unha soa causa, conséguese que reine a liberdade.

*Jean Lokenga é o Xefe de Protección da Infancia na República Centroafricana e Madeleine Logan é especialista en comunicación con sede no país.

Esta noticia publicouse orixinalmente en Planeta Futuro o 13/08/2014