Sirya: comeza o quinto ano de violencia e sufrimento para 14 millóns de nenos
Preto de 14 millóns de nenos de toda a rexión sofren os efectos do cada vez máis intenso conflito que se desenvolve en Sirya e gran parte de Iraq.
Ao iniciarse o quinto ano de crise en Sirya, dende UNICEF facemos un chamamento para que se brinde máis apoio aos adolescentes.
Os máis de 5,6 millóns de nenos que permanecen aínda en Sirya son os que se encontran en situación máis desesperada.
Entre eles, uns 2 millóns de nenos que viven en rexións do país ás que resulta imposible chegar para prestarlles axuda humanitaria debido aos combates e outros factores. Uns 2,6 millóns de nenos sirios continúan sen asistir a clase.
Case 2 millóns de nenos sirios encóntranse refuxiados en Líbano, Turquía, Xordania e varios países máis. A eles débense sumar os 3,6 millóns de nenos das comunidades vulnerables nas que se albergan outros refuxiados, cuxa presenza impón cargas adicionais a diversos servizos, como a educación e a atención sanitaria.
Mentres tanto, a crise en Iraq, que se vincula de xeito cada vez máis estreito coa de Sirya, obrigou máis de 2,8 millóns de nenos a abandonar os seus fogares e deixou moitos outros atrapados en zonas controladas por grupos armados.
"Os nenos pequenos non coñecen outra realidade que esta crise. No caso dos adolescentes que inician a etapa formativa das súas vidas, a violencia e o sufrimento non só marcaron a lume o seu pasado senón que comezaron a definir o seu futuro", explica Anthony Lake, director executivo de UNICEF. "Ao comezar o quinto ano de crise, persiste o perigo de que esta xeración de mozos se perda nun ciclo de violencia e repita na xeración seguinte o que sufriu e continúa sufrindo".
Sirya: a violencia marca o presente e define o futuro dos nenos
A pesar dos trastornos causados polo conflito, os nenos e mozos seguen demostrando unha incrible coraxe e determinación. Un exemplo é o de Alaa, un mozo de 16 anos de idade, que fuxiu do seu fogar na cidade de Homs, arrasada pola guerra, e que hoxe continuou os seus estudos e dirixe cursos de formación nos que participan outros nenos. Ou a historia de Christina, unha nena de 10 anos que vive nun refuxio no norte de Iraq e que axuda cos seus estudos a outros nenos menores ca ela.
"A pesar do dano que sufriron, dos males que lles fixeron e da aparente incapacidade dos adultos para poñer fin a este horrible conflito, os nenos afectados por esta crise non perderon a determinación e a coraxe necesarias para construír vidas mellores," engade Lake. "Ante tamaña determinación da súa parte, como non nos sentir máis decididos a axudarlles? Se eles non perderon a esperanza, como podemos perdela nós? ".
Dende UNICEF facemos un chamamento para que se realicen investimentos a longo prazo que permitan satisfacer as necesidades dos nenos e adolescentes e darlles as aptitudes e a motivación que requiren para construír un futuro máis estable. Os investimentos deberían estar dirixidos, entre outras, ás seguintes esferas:
- Cursos de recuperación escolar e de formación profesional, e actividades recreativas para os adolescentes. Tendo en conta que en Sirya hai uns 5 millóns de nenos de 12 a 18 anos de idade, os mozos necesitan apoio para adquirir aptitudes e medios para gañarse a vida.
- Oportunidades de recibir educación formal e non formal para os nenos afectados polo conflito, así como sistemas de certificación que fagan posible que os estudantes non perdan o seu status académico.
- Servizos de atención psicosocial e asistencia para os nenos vulnerables, como os que foron vítimas de violencia.
- Mellora dos sistemas de educación e saúde das comunidades anfitrionas, ademais de apoio aos medios de subsistencia, co fin de que todos os nenos que sufran algún efecto do conflito reciban axuda.