Sirya: a dobre crise do inverno
Mark forma parte da misión interinstitucional de Nacións Unidas en Homs, Sirya, dirixida pola Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación dos Asuntos Humanitarios (OCHA), a Organización Mundial da Saúde (OMS), o Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) e UNICEF. Aquí comparte o seu relato de primeira man da situación e o impacto da destrución causada polo conflito nos nenos e as familias.
Homs, Sirya, foi testemuña dalgunhas das escenas máis intensas dos 22 meses do conflito en Sirya, que provocou centos de miles de desprazados.
Mentres algunhas partes da cidade viven cunha normalidade aparente, outras áreas mostran signos inequívocos do conflito: edificios marcados con buratos, ventás rotas e entullos. Polo que vin no barrio de Baba Amor, polo menos dous terzos dos edificios sufriron danos, mentres que outros moitos foron destruídos.
Nenos con sandalias ou calcetíns sen zapatos
Aínda así hai sinais de vida. Mesmo aquí. Baba Amor está a experimentar unha relativa calma, con algunhas familias que están a retornar para reconstruír as súas vidas. Aínda se escoita o son das explosións e os disparos na distancia. É agora o tempo do inverno que está a contribuír a unha nova crise. Fai un frío atroz e as temperaturas durante a noite caen por debaixo dos ceros graos. Moitos dos nenos que vin levaban roupa de pouco abrigo e sandalias ou calcetíns sen zapatos. Todos se queixaban do frío.
Moitas familias están a vivir en condicións moi básicas nos interiores dos edificios, utilizando láminas de plástico para cubrir as ventás rotas e portas, e durmindo en chans de formigón ou colchóns rudimentarios.Apenas hai calefacción e falta combustible diesel. A xente está a tratar de sobrevivir nestas condicións, pero imaxina o frío que teñen que estar a pasar, especialmente pola noite. Outras familias vanse a refuxios colectivos, algúns dos cales están apoiados por empresarios locais. Aínda que había auga nas áreas ás que fun, a luz chegaba a pequenos golpes.
Escaseza de subministracións médicas e persoal de saúde
Visitei uncentro de saúde local que fora destruído e non está en uso. A pesar de que se está a reparar, a destrución das instalacións comunitarias básicas como estas están a complicar aínda máis a situación dos refuxiados, particularmente os que están a sufrir enfermidades graves. Hai tamén unha escaseza de subministracións médicas e persoal de saúde porque moitos deixaron a zona, deixando un baleiro de persoal importante. Esta situación agrávase polas condicións de frío. O principal obxectivo desta misión a Homs da que son parte é avaliar as necesidades humanitarias e identificar como pode incrementarse e coordinarse a axuda para atender as necesidades urxentes. Tamén estamos a traballar para ver como apoiar as axencias aliadas e establecer vínculos cos aliados locais. Unha forma de prover axuda rapidamente é distribuír vales ás familias retornadas que poden usarse para conseguir subministracións básicas das empresas locais. O que estamos a ver agora en Homs e outras partes de Sirya é a crise do inverno. Con 4 millóns de persoas no país afectado, preto da metade deles nenos, hai unha necesidade masiva de subministracións humanitarias que axudarán aos nenos e as súas familias a pasar o inverno. As axencias de Nacións Unidas, incluída UNICEF, chegan á zona con asistencia co apoio das organizacións aliadas. Hoxe chegaron a Homs novas subministracións de emerxencia:5.000 colchas, 1.400 mantas, e 2000 kits de hixiene. UNICEF tamén proporcionou recentemente galletas enerxéticas para 6.400 nenos enHoms e apoia espazos seguros para permitir aos nenos seguir coa súa educación.