Sirya: as escolas seguen sendo obxectivos do conflito

Centos de nenos resultaron mortos ou feridos nos polo menos 68 ataques a escolas que se rexistraron o pasado ano 2014 en Sirya e os países da rexión.

O conflito, que segue adiante, e o peche recente dalgunhas escolas en Raqqa e Deir-ez-Zour e en zonas rurais de Aleppo en Sirya puido xa interromper a educación de 670.000 nenos en idades de ensino primario e primeiros cursos de secundaria.

Axuda aos nenos de Sirya e a rexión.

 

Crise en Sirya: 670.000 nenos sen escola 

"Á parte da falta de acceso á escola, os ataques a escolas, a profesores e a estudantes son recordatorios horribles do terrible prezo que os nenos de Sirya están a pagar nesta crise que xa se achega ao seu quinto ano", explica Hanaa Singer, representante de UNICEF en Sirya.

"O acceso ao ensino é un dereito que debería ser sostible para todos os nenos, sen importar onde viven ou o difíciles que poidan ser as circunstancias. As escolas son os únicos lugares de estabilidade, estrutura e rutina que os nenos de Sirya necesitan máis que nunca nestes tempos deste conflito horroroso", engade.

 

Crise en Sirya: 68 ataques a escolas en 2014

Aínda estando pendentes os informes do alcance exacto dos actuais peches de escolas, entre xaneiro e decembro de 2014 producíronse polo menos 68 ataques a escolas en Sirya, segundo os datos dos que dispoñemos dende UNICEF. Estes ataques asasinaron e feriron centos de nenos. As cifras reais serán máis altas, e hai indicios de que algúns ataques puideron ser deliberados.

Dende UNICEF fixemos reiterados chamamentos a todas as partes para que reafirmen a súa responsabilidade
de protexer do conflito os nenos, as escolas, e outras infraestruturas civís -un chamamento que repetimos mesmo con maior urxencia cando comeza un novo ano cos nenos de Sirya afrontando as ameazas máis terribles para a súa seguridade, o seu benestar e a súa educación.

Axuda aos nenos de Sirya e a rexión.