Sirya: UNICEF distribúe subministracións para que 10 millóns de persoas teñan acceso a auga potable
UNICEF está a levar a cabo en Sirya unha operación a grande escala para garantir que máis de 10 millóns de persoas, case a metade da poboación, teñan acceso a auga potable.
Os primeiros catro camións cargados con 80 toneladas de hipoclorito de sodio, que permite potabilizar a auga, cruzaron a fronteira de Xordania a Sirya o domingo, en dirección a Homs, Alepo, Hama eIdleb. Nas próximas semanas,UNICEF distribuirá 1.000 toneladas de cloro nas cidades e comunidades das 14 gobernacións do país. A operación prodúcese no medio da crecente preocupación polo impacto que está a ter o conflito, tras 23 meses, nas estacións de bombeo de auga e outras infraestruturas vitais, así como polas implicacións que terá na saúde dos nenos. Os informes sinalan que a calidade e cantidade da subministración de auga continúa deteriorándose de xeito importante en diferentes partes do país. "Este envío prodúcese nun momento moi oportuno, xa que as subministracións de cloro se reduciron de xeito perigoso en Sirya, facendo que o acceso a auga potable sexa un reto para moitas familias", dixo Youssouf Abdel-Jelil, Representante de UNICEF en Sirya. "Isto pon a poboación - especialmente aos nenos-, en risco de contraer diarrea e outras enfermidades transmitidas pola auga. " A distribución de cloro lévase a cabo en coordinación co departamento técnico do Ministerio de Recursos Hídricos e a Media Lúa Vermella Sirya. Como parte da resposta humanitaria en Sirya en materia deauga, hixiene e saneamento, UNICEF está a apoiar e traballa no mantemento dos sistemas de auga, distribuíndo subministracións e materiais de potabilización. UNICEF tamén traballa cos seus aliados para que medio millón de persoas teña acceso a saneamento e 750.000 persoas a artigos de hixiene e información sobre prácticas saudables de hixiene.UNICEF necesita 22,5 millóns de dólares (16,61 millóns de euros) para distribuír axuda vital en Sirya, de xaneiro a xuño deste ano, en áreas como a auga e o saneamento. Ata o momento só se recibiron 4,8 millóns de dólares (3,54 millóns de euros).