Sudán: o 70% dos desprazados son nenos
A actual crise de desprazados internos e de refuxiados en Sudán está a golpear duramente á infancia: o 70% das persoas en movemento son nenos.
O conflito está activo en 9 dos 18 estados do país e en máis dun centenar de lugares hai persoas que necesitan asistencia humanitaria.
Dende o comezo do ano, só a rexión de Darfur viu 267.600 novos desprazados internos.
"UNICEF está a ser testemuña diariamente de nenos que necesitan asistencia humanitaria urxente en lugares en constante cambio. Estar en movemento no medio dun conflito, e amontoados en refuxios improvisados con acceso limitado ou nulo aos servizos esenciais pode significar a morte, a enfermidade e a minusvalidez para os nenos," dixo hoxe en Xenebra Geert Cappelaere, Representante de UNICEF en Sudán.
A crise en Darfur conta xa cun historial de dez anos dende que se iniciou en 2003, e nin o Acordo Xeral de Paz de 2005 nin a secesión de Sudán do Sur en 2011 supuxeron transformacións positivas en Sudán cara a unha sociedade pacífica e cohesionar. Mentres prevalece o conflito, haberá vítimas, e as vítimas máis vulnerables da guerra e o desprazamento seguen sendo os nenos..
Múltiples crises, poucos fondos
Sudán é escenario dun conflito e dunha crise na que o número de persoas que foxen cambia a diario. Manterse ao día cos novos acontecementos, as necesidades humanitarias e as necesidades de financiamento é un reto diario para UNICEF e os seus aliados no terreo. Como actor clave na resposta de emerxencia para os nenos, UNICEF é o custodio de importantes sumas de contribucións dos doadores, pero as necesidades son abafadoras.
Ademais das crises humanitarias, Sudán loita cun legado de problemas derivados da falta de investimento nos sectores sociais, evidenciado sobre todo por unha crise de desnutrición silenciosa. Aproximadamente un de cada tres nenos sofre atraso no crecemento; unha condición causada pola desnutrición crónica que pode ter consecuencias de por vida para os nenos, sobre todo nas súas capacidades mentais.
Camiños a seguir para Sudán
Sudán está situado onde África se encontra con Oriente Medio e onde un novo comezo, un novo contrato social e os novos modelos de desenvolvemento equitativo e socio-económico poderían ser forxados. Xa hai algúns avances positivos. Por exemplo, no sector privado coa produción nacional de produtos de primeira necesidade para os nenos con desnutrición como o alimento terapéutico listo para o seu uso, e nas comunidades se está a levar a cabo un duro traballo para cambiar as normas sociais e as prácticas tradicionais nocivas, sobre todo a través da campaña para poñer fin á mutilación xenital feminina en Sudán.