Ter instalacións adecuadas de auga e saneamento, clave para combater o cólera

UNICEF e os seus aliados traballan contra reloxo en Haití para proporcionar infraestruturas adecuadas de auga e saneamento, claves para deter a epidemia de cólera que xa se estendeu aos dez departamentos do país. As campañas de sensibilización e o reparto de auga potable, pastillas de xabón e caixas de pastillas potabilizadoras son cruciais para facer fronte á rápida propagación da enfermidade.

Antes de chegar ao campamento de desprazados de Jacmel, Malepa Oliali vivía coa súa familia entre os entullos do que fora o seu fogar, nesta bonita cidade portuaria, que atraía milleiros de turistas antes de ser arrasada polo terremoto.

“Aquí temos auga para beber, cociñar e asearnos. Tamén están construíndo latrinas, e o meu marido e eu vivimos nunha tenda de campaña cos nosos fillos”, asegura Malepa. “Pasamos moito medo antes de chegar ao campamento, pero agora estamos ben, non me podo queixar”.

UNICEF e os seus aliados distribúen diariamente unha media de 8,3 millóns de litros de auga potable a preto de 680.000 persoas. Ata a data, instaláronse case 12.000 latrinas, das que se benefician unhas 800.000 persoas.

Xunto ás dotacións de auga e saneamento, as campañas de sensibilización sobre hábitos adecuados de hixiene son cruciais para combater o cólera. Nas igrexas, as escolas e as rúas, ao longo e ancho do país, a xente estivo escoitando mensaxes por radio e megafonía sobre como protexerse da devastadora epidemia de cólera que nun curto período de tempo se cobrou miles de vidas.

Dous convidados de excepción

[]

O cólera propágase de forma fácil e rápida, pero tamén resulta moi fácil previlo e tratalo”, explica Mark Henderson, Coordinador do programa de Auga e Saneamento (WASH) de UNICEF en Haití.

“O máis complicado é enfrontarse ás precarias estruturas de auga e saneamento, que xa eran moi deficientes antes do terremoto”, engade. “O noso obxectivo é aplicar medidas preventivas de amplo alcance para garantir a distribución de auga potable. A cloración das subministracións públicas de auga estanos axudando a conseguilo”, puntualiza Henderson.

Un elemento esencial do apoio de UNICEF ao goberno de Haití para responder ao cólera foi o reparto de subministracións básicas para salvar vidas nas comunidades afectadas, como pastillas de xabón, para potabilizar auga e kits de hixiene, imprescindibles para reducir a propagación da enfermidade. UNICEF proporcionou tamén máis de 700 tendas de campaña para establecer Centros de Tratamento do Cólera en todo o país.