Terremoto en Nepal: os nenos volven á escola
Neste primeiro día de escola, os nenos dos barrios máis duramente afectados en Nepal están a utilizar materiais de aprendizaxe e kits educativos, de ocio e de primeira infancia proporcionados por UNICEF e outros aliados.
Dado o nivel de destrución que escolas e centros educativos sufriron nos distritos máis afectados, este é un primeiro paso para garantir a educación destes nenos. Estase a traballar para promover de forma urxente a volta á escola de moitos máis nenos.
"A evidencia mostra que os nenos que deixan de ir á escola durante períodos prolongados de tempo tras un desastre, teñen cada vez menos probabilidades de volver algunha vez ás aulas", explica Tomoo Hozumi, representante de UNICEF Nepal.
Terremoto en Nepal: O RETO É QUE TODOS OS NENOS VOLVAN Á ESCOLA
UNICEF traballa en estreita colaboración co Ministerio de Educación e outros aliados para lograr que todos os nenos volvan á escola tan pronto como sexa posible, ao tempo que garante ámbitos de aprendizaxe seguros e apoio emocional para os nenos:
. Máis de 100 equipos de enxeñeiros de estruturas están a traballar nos distritos afectados para reunir datos sobre o grao dos danos e identificar as aulas seguras e inseguras. Xa se realizaron avaliacións estruturais en máis de 1.230 bloques escolares.
. Creáronse 137 centros de aprendizaxe temporais (TLC), beneficiando a uns 14.000 nenos nos 16 distritos máis afectados polos dous terremotos.
. 1.142 mestres recibiron capacitación para dar apoio psicosocial aos nenos e mensaxes clave para salvar vidas sobre preparación ante desastres, saúde, hixiene e protección.
. O 58% dos 8 millóns de dólares en subministracións de emerxencia de educación planificadas xa están listos para ser enviados por UNICEF.
. Como parte da campaña en medios de comunicación, emitíronse mensaxes clave sobre "a volta á escola" centrados na importancia da educación en situacións de emerxencia e referentes á seguridade, o acceso universal, e o papel dos pais e as comunidades.
Non obstante, aínda queda moito por facer para chegar aos 985.000 nenos que non poderán regresar a clase hoxe, e que están en risco de abandonar a educación. En total, 32.000 aulas foron destruídas e 15.352 aulas resultaron danadas despois dos dous grandes terremotos.
Terremoto en Nepal: NECESÍTANSE MÁIS FONDOS PARA EDUCACIóN
"Estamos comprometidos con seguir establecendo espazos de aprendizaxe temporais tan rápido como nos sexa posible para que ningún neno quede fóra da escola. Ao mesmo tempo, estamos a alentar as familias a enviar aos seus fillos ás escolas que foron designadas como seguras, e instando ás comunidades a prestar o seu apoio á campaña de Volta á Escola", informa o Sr. Hozumi.
O Cluster de Educación, formado polo Goberno, UNICEF e o resto dos actores humanitarios que traballan neste sector, estima que se necesitan con urxencia 24,1 millóns de dólares para concluír a avaliación estrutural de 7.800 escolas; establecer un total de 4.668 centros de aprendizaxe temporais; proporcionar subministracións de ensino, aprendizaxe e de ocio para 1 millón de nenos; e, capacitar 19.568 mestres e facilitadores en apoio psicosocial e en transmisión de mensaxes que salvan vidas.
"A educación non pode esperar, especialmente no período inmediatamente posterior aos desastres naturais como os terremotos acontecidos en Nepal", dixo o Sr. Hozumi. "Se ben a reconstrución de miles de escolas é, sen dúbida unha prioridade na fase de recuperación, se non somos capaces de proporcionar polo menos unha solución temporal inmediata, corremos o risco de perder moitos nenos que doutro xeito poderían beneficiarse dos nosos esforzos para construír de novo mellor o sistema educativo. "