UNICEF continúa o seu traballo humanitario a favor dos nenos de Sirya

No medio da crecente tensión que sofre a rexión, UNICEF continúa prestando axuda urxente aos nenos que se encontran dentro de Sirya e nos países veciños, na que é unha das maiores operacións de axuda humanitaria que UNICEF levou a cabo.

Segundo cálculos de UNICEF,en menos dun ano aumentou máis de dez veces o número de nenos sirios refuxiados, pasando de 70.000 a máis de 1 millón. Nas últimas semanas, uns 2.500 nenos cruzaron cada día as fronteiras de Sirya.

Estamos a traballar sobre o terreo, todos os días, grazas a unha ampla rede de aliados especializados para chegar aos nenos sirios en toda a rexión" sinala Maria Calivis, Directora Rexional de UNICEF en Oriente Medio e o Norte de África.

Para satisfacer as crecentes necesidades humanitarias dos afectados,trabállase na distribución de materiais esenciaiscomo son auga embotellada, tanques de auga e pastillas potabilizadoras, subministracións nutricionais, kits de hixiene, subministracións contra enfermidades diarreicas, xabón, mantas e roupa de inverno, entre outros.

Dende principios de ano,UNICEF subministrou auga potable a máis de 10,2 millóns de persoas afectadas pola crise, apoiou a vacinación de máis de 2,4 millóns de nenos, inscribíronse 278.000 nenos en programas educativos e 468.000 participaron en actividades recreativas.

Ademais, e a medida que se achega o comezo do novo curso escolar en toda a rexión,UNICEF está a traballar para facilitar o regreso dos nenos ás aulas, proporcionando mochilas, material escolar e mobiliario para as escolas.

Como parte domaior chamamento realizado polas Nacións Unidas na súa historia, UNICEF solicitou 356,69 millóns de euros para responder á crise de Sirya, dos que aínda necesita 143,43 millóns para continuar o seu traballo.
 
Calquera persoa pode colaborar enviando unha mensaxe de texto coa palabra UNICEF ao 28028, ou realizando a súa contribución a través da web: www.unicef.es/siria

Para máis información sobre o traballo de UNICEF dentro de Sirya e nos países que acollen refuxiados, pica aquí.