UNICEF e UNESCO condenan o bombardeo preto dunha escola en Kirkuk
O Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF) e a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) condenan o ataque que tivo lugar o 11 de marzo preto da escola secundaria Wlad na cidade de Dibis na gobernación de Kirkuk, a 290 quilómetros ao norte de Bagdad, Iraq.
"Condenamos o ataque do luns nos termos máis enérxicos", dixo Louise Haxthausen, Representante de UNESCO en Iraq. "Os ataques que afectan ás escolas son inaceptables, todas son, e deben seguir sendo, zonas de paz,". A explosión e a metralla producida polo ataque con bomba feriron 106 estudantes -70 nenos e 36 nenas- que se encontraban en clase no momento da explosión. Dos nenos feridos: seis encóntranse en estado crítico, dous en estado de coma, 10 teñen fracturas e hemorraxias considerables, e 90 teñen feridas leves e contusións. Catro mestres resultaron tamén gravemente feridos na explosión.
"É terrible que resulten feridos nenos inocentes que están a estudar por un futuro mellor", dixoMarzio Babille, Representante deUNICEF en Iraq. "Os ataques que afectan á educación dos nenos iraquís mostran un desprezo cara aos principios fundamentais de humanidade. Ningunha causa os xustifica e prolongáronse durante demasiado tempo. Teñen que parar", engadiu.UNICEF e UNESCO desexan unha pronta recuperación a todos os nenos e mestres afectados polo ataque e fan un chamamento ao Goberno de Iraq para que tome as medidas necesarias para garantir o acceso a educación nun ambiente seguro para todos os nenos de Iraq.