UNICEF envía subministracións de emerxencia ás zonas afectadas polas inundacións en Filipinas

Hai 1,5 millóns de nenos afectados polo tifón Nalgae, que azoutou 34 provincias de Filipinas. Como resposta, UNICEF distribuíu 3.000 kits de hixiene e 3.000 kits de auga ás familias afectadas polas inundacións que azoutaron a capital e Pampanga.  A Representante de UNICEF en Filipinas, Vanessa Tobin, atópase na zona xunto a un equipo de emerxencia para avaliar a situación e coñecer mellor sobre o terreo o estado no que se atopan os nenos e as familias.
 

"Estou impresionada pola eficacia da organización levada a cabo polos traballadores do goberno local, as organizacións non gobernamentais e do sector privado", dixo a Representante de UNICEF no país, durante a súa visita ás zonas alagadas en Bulacán e Pampanga. "As subministracións están a chegar pero temos que estar atentos para controlar as enfermidades infantís, asegurarnos de que reabren as escolas e que os nenos volvan ás aulas."

Debido ao corte das comunicacións e das liñas de alta tensión, así como o difícil acceso ás zonas alagadas, necesítanse de maneira urxente alimentos, refuxios de emerxencia, subministracións médicas, auga, hixiene e saneamento, xunto a outros produtos non alimentarios. UNICEF está a distribuír kits de auga compostos por recipientes de auga, cubos e pastillas potabilizadoras de auga, e kits de hixiene compostos por bidóns de auga, cortaúñas, xabóns, cepillos de dentes, pasta de dentes e compresas.

"As grandes áreas de augas estancadas son un perigo polo  risco de contaxio de dengue, diarrea e outras enfermidades infecciosas que supoñen unha gran ameaza para os nenos", dixo Tobin.

UNICEF está a realizar, xunto ao goberno, a avaliación das necesidades de acceso a nutrición, auga e saneamento das familias afectadas polas inundacións. UNICEF tamén ten previsto levar a cabo unha avaliación rápida das necesidades na Rexión 2, para coñecer mellor a situación dos nenos e as mulleres en Cagayan e Isabela. UNICEF traballa en estreita coordinación co goberno e os grupos de resposta de emerxencia, para proporcionar subministracións e servizos básicos.


 O tifón Nalgae, coñecido polos locais como Quiel, azoutou Filipinas o 1 de outubro e pasou polas zonas devastadas por un tifón anterior, Nesat, o 28 de setembro no norte e centro de Luzón. Dezaseis provincias víronse afectadas polo tifón Nalgae en catro rexións, que días antes foran golpeadas polo tifón Nesat que afectou a 34 provincias. As oito zonas máis afectadas polo tifón Nalgae son Bulacán, Pangasinán, Pampanga, Ifugao, Isabela, Nova Ecija, Quirino e as provincias de Aurora.
 

Ao redor de 1,5 millones de nenos  vironse afectados polos tifones

O Consello Nacional para a Redución e Xestión de Desastres (NDRRMC) informou da morte de 59 persoas a semana pasada: catro falecidos polo tifón Nalgae e 55 mortos polo tifón Nesat, polo menos até o pasado 4 de outubro.

O nivel de auga descendeu nas zonas afectadas polas inundacións provocadas polo tifón. Con todo, aínda hai zonas illadas nas provincias de Pangasinán e Bulacán, que foron as máis afectadas polo tifón Nalgae o 1 de outubro. Na capital da provincia, NDRRMC confirmou que catro municipios permanecen baixa a auga: Calumpit, Hagonoy, Pulilan e Paombong.