UNICEF España dá a benvida ao anuncio do Goberno sobre o Plan de Pobreza Infantil
A Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Ana Mato, interveu hoxe na reunión do Padroado de UNICEF España, presidido pola Súa Maxestade a Raiña.
Na súa intervención, confirmou que a infancia e a adolescencia constitúen unha prioridade para o Goberno e recoñeceu que "existe unha ampla marxe de mellora", particularmente no relativo ao benestar material dos nenos.
Por este motivo, anunciou que se deben adoptar novas medidas e, para iso, o Goberno poñerá en marcha un Plan de Loita contra a Pobreza Infantil, que xa UNICEF España propuxera dende 2009.
Esta idea foi recollida tamén polo Comité dos Dereitos do Neno nas súas Recomendacións a España en outubro de 2010. A partir desa data,UNICEF España e outros aliados reiteraron en repetidas ocasións da necesidade de poñelo en marcha, particularmente tendo en conta o impacto especial que está a ter a actual situación de crise económica sobre a infancia.Tal e como puxo de manifesto o recente informe de UNICEF Report Card n.º 11: Benestar infantil nos países ricos,España ten unha das taxas máis altas de pobreza infantil dos países ricos, só superada por Letonia, Estados Unidos e Romanía.
As medidas que se inclúan
no Plan deberán ter en conta a recente Recomendación da Comisión Europea sobre
a pobreza infantil, que propón basear as intervencións en
tres piares básicos:
- O acceso das familias e os nenos a recursos axeitados: apoiando o acceso ao traballo dos pais e nais, e garantindo un nivel de vida adecuado aos nenos mediante axudas económicas, desgravación de impostos e axudas á vivenda.
- O acceso a servizos de calidade: promovendo a atención dende a primeira infancia, garantindo a igualdade de oportunidades no sistema educativo, o acceso en condicións aos sistemas de saúde, a unha vivenda e un ámbito axeitado, e mellorando os sistemas de protección da infancia.
- O dereito dos nenos a participar: mediante o apoio á participación de nenos na vida cultural, deportiva e o dereito ao xogo, e establecendo mecanismos de participación nas decisións que afectan ás súas vidas.
UNICEF España dá a benvida a este anuncio e comprométese a participar activamente na elaboración deste, achegando a análise desenvolvida nos seus informes sobre a situación da infancia no noso país.