UNICEF e o Parlamento de Galicia renovan o Pacto Galego pola Infancia
Este novo pacto ten un claro obxectivo: mellorar a calidade da vida dos nenos e nenas da comunidade.
08/04/2019
Oito anos despois da sinatura do primeiro pacto, UNICEF Comité Galicia e os catro grupos parlamentarios na comunidade (PPdG, PSdG, En Marea e BNG) asinan a renovación do Pacto Galego pola Infancia.
O documento, que recolle os datos presentados no informe A Infancia en Galicia 2018, propón unha relación de medidasen diferentes ámbitos de especial interese e unha necesaria actuación:
- En materia lexislativa, promover o impulso dunha Lei autonómica de Infancia e Adolescencia, e a posta en marcha da Estratexia Galega da Infancia e a Adolescencia (EGIA 2016-2020) e o Observatorio da Familia e a Infancia en Galicia.
- Avanzar na gratuidade real e efectiva da educación obrigatoria, reducir a taxa de abandono escolar temperá, garantir un enfoque de igualdade de oportunidades, xénero e calidade a todos os niveis.
- Alertados pola cifra do 26,4% de nenos e nenas en Galicia en risco de pobreza e exclusión social (AROPE), garantir uns servizos públicos accesibles e de calidade, e elevar as prestacións anuais por fillo menor de idade a cargo.
- Fronte ao aumento das violacións dos dereitos dos nenos, impulsar a difusión e o emprego do Protocolo Básico de Intervención contra o Maltrato Infantil no ámbito familiar, así como a non discriminación e segregación da infancia en contextos migratorios, prestando especial atención aos nenos estranxeiros non acompañados.
Pacto Galego: novos logros, unha meta
"Co pacto de 2011 abrimos un camiño no que situar á infancia na axenda política galega. Con esta renovación pretendemos dar un paso máis aló, aterrando medidas concretas que nos permitan mellorar a vida dos nenos e nenas", declarou a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito.
Coa renovación do Pacto búscase o cumprimento de novos obxectivos, da mesma maneira que o acordo asinado no 2011 favoreceu a creación do Observatorio da Familia e da Infancia en Galicia ou que se desen os primeiros pasos para o Consello Autonómico de Participación Infantil, que esperamos poidan ver a luz moi pronto.