UNICEF responde ante as inundacións en Sri Lanka

As inundacións que afectan ao leste de Sri Lanka causaron máis de 367.000 desprazados e máis de 20 vítimas mortais. O país permanece en alerta, xa que o nivel da auga nalgunhas zonas sitúase dous metros por riba do normal e prognostícanse fortes choivas.

Nunha entrevista con UNICEF radio, o Responsable de Comunicación de UNICEF en Sri Lanka, Mervyn Fletcher, afirmou que as inundacións afectaron aproximadamente a 1 millón de persoas.

Debido ao forte nivel das inundacións, explica Fletcher, "a única maneira de chegar a moita xente é por barco"..

Chegan as primeiras subministracións

[]

"Nunca vin nada igual nos 37 anos que levo vivindo en Batticaloa (situada ao leste de Sri Lanka)", afirmou Kirupairajah Gowriswaran , Oficial de Saúde e Nutrición de UNICEF na zona. O 90% da poboación local está afectada. Todo o mundo está ocupando os edificios que se atopan nos terreos máis altos".

“As subministracións que están a chegar axudarán a asegurar que as familias e os nenos teñan acceso a auga potable e sexan capaces de manter niveis básicos de hixiene", explica o Representante de UNICEF en Sri Lanka, Reza Hossaini. "Todas as escolas convertéronse en refuxios temporais. Os nenos quedaron sen clases", engade.

Entre as subministracións atópanse bidóns de auga, pastillas potabilizadoras de auga, xabón, lonas, colchóns, etc. A maioría das estradas son intransitables, polo que o exército do país está utilizando botes para entregar a axuda.

Protexer os nenos

Protexer os nenos afectados é a primeira prioridade de UNICEF na zona. Os nenos están entre os máis vulnerables nestas inundacións. Moitos non saben nadar e algúns están demasiado fráxiles para valerse por si mesmos.

A situación da infancia no país xa era complicada antes das inundacións. Os nenos de Sri Lanka estanse recuperando das consecuencias dun conflito civil que durou máis de dúas décadas e outros moitos dos efectos do devastador tsunami que asolagou as costas do Océano Índico hai máis de cinco anos.