A viaxe de Imanol Arias para dar voz aos nenos de Sirya
O embaixador de UNICEF Comité Español Imanol Arias viaxou a Xordania, onde coñeceu nenos e familias sirias refuxiadas no campamento de Za'atari, no marco da campaña de UNICEF e a Unión Europea (UE) Voces dos nenos en emerxencias.
Alí viven 100.000 refuxiados, a metade nenos, que lle contaron como fuxiron de Sirya, do horror, das bombas, dos mortos.
Imanol Arias puido coñecer tamén o traballo de UNICEF e a UE e algúns dos seus resultados, como a subministración de 3,8 millóns de litros de auga cada día ou os programas de apoio psicosocial para miles de nenos e nenas.
"Aquí teñen cubertas as súas necesidades e van á escola, pero botan de menos o seu país, as súas casas e a todos os seres queridos que están en Sirya", explica Imanol.
Unha das nenas que coñeceu na súa viaxe é Aya, a quen o actor quixo ceder a súa voz para que todos poidamos coñecer a súa historia.
Sirya: 3 anos de guerra
Sirya é un dos lugares máis perigosos do mundo para os nenos. Máis de tres anos de guerra deixaron profundas cicatrices nos 6,5 millóns de nenos sirios que sofren as súas consecuencias.
Toda unha xeración de nenos e nenas está en risco. Dentro de Sirya hai 4,2 millóns de nenos afectados dos cales 2,9 millóns están desprazados a causa da guerra.
Xa hai máis de 1,4 millóns de nenos refuxiados nos países veciños (Xordania, Líbano, Iraq, Turquía e Exipto) e esta cifra sobe cada día.
O maior impacto padéceno un millón de nenos que viven atrapados nas zonas de Sirya que están en estado de sitio ou nas que o acceso da axuda humanitaria é difícil debido á violencia continuada.
Xordania acolle preto de 600.000 refuxiados sirios, dos que máis de 310.000 son nenos, e calcúlase que a finais deste ano a poboación de refuxiados sirios en Xordania poida alcanzar os 800.000.