#YoPidoPacto:a pobreza infantil crece en 250.000 nenos no último ano

A taxa de pobreza infantil* en España (que afecta aos menores de 18 anos) aumentou ata o 30,5% en 2014, fronte ao 27,5% de 2013, segundo datos da Enquisa de Condicións de Vida proporcionados hoxe polo INE a UNICEF Comité Español.

Esta taxa de pobreza mantense moi por enriba da do conxunto da poboación, que é do 22,2% e se incrementou en 1,8 puntos dende 2013, e case triplica a dos maiores de 65 anos (11,4%).

Estes datos supoñen 250.000 nenos e nenas máis en risco de pobreza no último ano, alcanzando un total de aproximadamente 2.540.000.

"Estas cifras non poden deixarnos indiferentes. Faise necesario un
pacto que blinde os dereitos da infancia e que garanta o investimento necesario para abordar aquelas medidas fundamentais que aseguren o benestar dos nenos", indica Javier Martos, director executivo de UNICEF Comité Español.

O comportamento do indicador AROPE (risco de pobreza ou exclusión), que inclúe ade
mais da pobreza monetaria as variables de baixo nivel de emprego e privación material, é tamén moi negativo. Para os menores de 18 anos sitúase no 35,8% (2,2 puntos máis que en 2013) fronte ao 29,2% do total da poboación.
 

#YoPidoPacto: Máis pobreza e máis nenos pobres

Esta situación de forte crecemento da pobreza e a exclusión prodúcese nun contexto de diminución xeral dos ingresos nos fogares e, polo tanto, de redución do albor de ingresos que se utiliza como referencia para medir a pobreza. Dende 2009, este albor para un fogar con dous adultos e dous nenos reduciuse en 1.680 €, ata chegar a 16.719 €.
 

#YoPidoPacto: os fogares con nenos son os máis afectados pola pobreza

Dende o comezo da crise, os niveis de pobreza de nenos e adolescentes mantivéronse moi altos no noso país de xeito constante. O impacto das condicións económicas e do emprego, así como da baixa capacidade das políticas públicas en España para contrarrestar este alto nivel de pobreza nos fogares con nenos, vese reflectido nos datos do INE: todos os fogares con presenza de nenos superan a media de risco de pobreza. Estes datos chegan ata o 42% no caso das familias monoparentais e ao 43,7% nas numerosas.

Outros nenos especialmente vulnerables son os fillos de pais estranxeiros residentes en España**(67,8% de pobreza) ou aqueles que viven en fogares cos adultos desempregados con moi baixa intensidade de traballo (77,7%).
 

#YoPidoPacto: Un pacto pola infancia

Dende UNICEF Comité Español, neste tempo de decisións políticas sobre a gobernabilidade, sobre pactos e acordos de goberno en moitas institucións locais e autonómicas, queremos facer un chamamento, a que se teña moi en conta á infancia e as súas condicións de vida como unha urxencia e como unha prioridade.

Dende a nosa organización, e en colaboración con outras organizacións e plataformas sociais, levamos tempo reivindicando un
Pacto de Estado pola Infancia no que un compoñente fundamental é a loita contra a pobreza infantil.

Esta é unha vulneración dos dereitos de moitos nenos e terá un efecto negativo no benestar, a cohesión social e a sostibilidade económica e do país a medio e longo prazo.

O investimento social en familias e infancia en España é unha materia pendente xa que se sitúa, cun 1,4% do PIB, a considerable distancia da media europea do 2,2% (datos de 2012, EUROSTAT).
 
* A taxa de risco de pobreza mostra a porcentaxe de persoas que viven en fogares por debaixo dun determinado nivel de ingresos chamado "albor de risco de pobreza". Este albor fíxase no 60% da mediana dos ingresos do conxunto da poboación ese ano, e depende do tamaño do fogar e da idades dos seus membros. Na enquisa de 2014, o albor da pobreza utilizado é de 7.961 € anuais para un fogar dunha persoa e de 16.718 € para un fogar con dous adultos e dous nenos menores de 14 anos.

** Sendo ambos os dous proxenitores estranxeiros.