1 de cada 3 nenos menores de cinco anos non existe oficialmente

UNICEF lanza un novo informe sobre o rexistro de nacemento coincidindo co 67º aniversario da súa creación

Coincidindo co seu 67o aniversario, UNICEF lanzou hoxe un novo informe que revela que os nacementos de preto de 230 millóns de nenos menores de cinco anos nunca foron rexistrados. Esta cifra equivale a aproximadamente 1 de cada 3 nenos menores de cinco anos que nacen no mundo.

"O rexistro de nacemento é máis que un dereito. Mostra como a sociedade recoñece e admite a identidade e existencia dun neno" dixo Geeta Rao Gupta, Directora Executiva Adxunta de UNICEF. "O rexistro de nacemento é tamén clave para garantir que os nenos non son esquecidos, que non lles son negados os seus dereitos ou que non quedan detrás do progreso das súas nacións. " O novo informe, titulado O dereito de nacemento de todos os nenos: desigualdades e tendencias no rexistro de nacementos mostra unha análise estatística de 161 países e presenta os últimos datos e estimacións dispoñibles por cada país sobre o rexistro de nacemento. O ano pasado, en todo o mundo, só arredor do 60% de todos os bebés nacidos foron rexistrados ao nacer. Os índices varían significativamente entre rexións, con niveis máis baixos de rexistros de nacemento en Asia meridional e África subsahariana. Os 10 países cos niveis máis baixos no rexistro de nacemento son: Somalia (3%), Liberia (4%), Etiopía (7%), Zambia (14%), Chad (16%), República Unida de Tanzania (16%), Iemen (17%), Guinea-Bissau (24%), Paquistán (27%) e República Democrática do Congo (28%). Aínda cando os nenos son rexistrados, moitos non teñen un certificado de rexistro. En África oriental e meridional, por exemplo, só a metade dos nenos rexistrados teñen un certificado de nacemento. A nivel mundial, 1 de cada 7 nenos rexistrados non posúe un certificado de nacemento. Nalgúns países, isto débese ao alto prezo das taxas. Noutros países, os certificados de nacemento non se emiten e as familias non teñen ningunha proba do rexistro. Os nenos que non se rexistran ao nacer ou que non teñen documentos que os identifiquen adoitan quedar excluídos do acceso á educación, saúde e seguridade social. Se os nenos son separados das súas familias por unha catástrofe natural, conflito ou como resultado da explotación, reunirlles cos seus pais é máis difícil pola ausencia de documentación oficial.

"O rexistro ao nacer e o certificado de nacemento, é vitais para permitir que un neno desenvolva todo o seu potencial" dixo Rao Gupta. "Todos os nenos nacen cun enorme potencial. Pero se as sociedades fallan ao contar con eles, e nin sequera recoñecen que eles están alí, son máis vulnerables á neglixencia e ao abuso. Inevitablemente, o seu potencial verase gravemente minguado. " O rexistro de nacemento, como un compoñente esencial do rexistro civil dun país, tamén fortalece a calidade das estatísticas, axudando á planificación e eficiencia do goberno. Segundo UNICEF, os nacementos non rexistrados son un síntoma das inequidades e disparidades dunha sociedade. Os nenos máis afectados por estas inequidades inclúen nenos de certas etnias e grupos relixiosos, nenos que viven en zonas rurais ou remotas, nenos de fogares pobres ou nenos con nais que non puideron gozar de formación formal. Os programas de cooperación deben abordar as razóns polas que as familias non rexistran os nenos, incluíndo o alto prezo das taxas, a falta de concienciación sobre as leis ou procesos, as barreiras culturais, e o medo á discriminación ou marxinalización.UNICEF utiliza enfoques innovadores para apoiar os gobernos e comunidades a fortalecer os seus sistemas de rexistro civil e de nacemento. En Kosovo, por exemplo, o Laboratorio de Innovación de UNICEF desenvolveu un xeito eficiente, efectivo e de baixo custo para identificar e reportar os nacementos non rexistrados, baseado na plataforma móbil RapidSMS. En Uganda, o goberno, con apoio de UNICEF e o sector privado, está a poñer en marcha unha solución chamada MobileVRS que usa a tecnoloxía móbil para completar os procedementos de rexistro de nacemento en poucos minutos, un proceso que normalmente leva meses.

 "As sociedades nunca serán equitativas e inclusivas ata que todos os nenos estean contabilizados, " engadiu Rao Gupta. "O rexistro de nacemento ten consecuencias duradeiras, non só para o benestar dos nenos, senón tamén para o desenvolvemento das súas comunidades e países. "UNICEF tamén lanzou hoxe Un Pasaporte á protección: Unha guía para os programas de rexistro de nacementos (A Passport to Protection: Aguide tobirth registration programming), un manual dirixido a aqueles que traballan no rexistro de nacemento, proporcionando información, principios xerais e unha guía para a programación.

Más información:

Dailo Allí

Xefe de Prensa de UNICEF España

Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

comunicacion@unicef.es