14 millóns de nenos afectados polo conflito en Sirya e Iraq
Ao iniciarse o quinto ano de crise en Sirya, UNICEF fai un chamamento para que se brinde máis apoio aos adolescentesPreto de 14 millóns de nenos de toda a rexión sofre os efectos do cada vez máis intenso conflito que se desenvolve en Sirya e gran parte de Iraq, informou hoxe UNICEF.
Ao comezar o quinto ano de conflito en Sirya, os máis de 5,6
millóns de nenos que permanecen aínda nese país son os que se
encontran en situación máis desesperada. Entre eles, uns dous
millóns de nenos que viven en rexións do país ás que resulta
imposible chegar para prestarlles axuda humanitaria debido aos
combates e outros factores. Uns 2,6 millóns de nenos sirios
continúan sen asistir a clase.
Case dous millóns de nenos sirios encóntranse refuxiados en Líbano,
Turquía, Xordania e varios países máis. A eles débense sumar os 3,6
millóns de nenos das comunidades vulnerables nas que se albergan
outros refuxiados, cuxa presenza impón cargas adicionais a diversos
servizos, como a educación e a atención da saúde.
Mentres tanto, a crise en Iraq, que se vincula de xeito cada vez
máis estreito coa de Sirya, obrigou máis de 2,8 millóns de nenos a
abandonar os seus fogares e deixou moitos outros atrapados en zonas
controladas por grupos armados.
"Os nenos de curta idade non coñecen outra realidade que esta
crise. No caso dos adolescentes que inician a etapa formativa das
súas vidas, a violencia e o sufrimento non só marcaron a lume o seu
pasado senón que comezaron a definir o seu futuro",
afirmou Anthony
Lake,
director executivo de UNICEF.
"Ao comezar o quinto ano de crise, persiste o perigo de que esta
xeración de mozos se perda
nun ciclo de violencia e repita na xeración seguinte o que sufriu e
continúa sufrindo".
A pesar dos trastornos causados polo conflito, os nenos e mozos
seguen demostrando unha incrible coraxe e determinación. Exemplo
diso é a serie de retratos que aparecen na páxina web
de UNICEF,childrenofSyria.info,
onde se narran casos como o de Alaa,
un mozo de 16 anos de idade, que fuxiu do seu fogar na cidade
de Homs,
arrasada pola guerra, e que hoxe continuou os seus estudos e dirixe
cursos de formación nos que participan outros nenos. Ou a historia
de Christina,
unha nena de 10 anos que vive nun refuxio no norte de Iraq e que
axuda cos seus estudos a outros nenos menores ca ela.
"A pesar do dano que sufriron, dos males que lles fixeron e da
aparente incapacidade dos adultos para poñer fin a este horrible
conflito, os nenos afectados por esta crise non perderon a
determinación e a coraxe necesarias para construír vidas mellores,"
engadiu Lake.
"Ante tamaña determinación
da súa parte, como non nos sentir máis decididos a axudarlles? Se
eles non perderon a esperanza, como podemos perdela nós?
".
UNICEF fai
un chamamento para que se realicen investimentos a longo prazo que
permitan satisfacer as necesidades dos nenos e adolescentes e
darlles as aptitudes e a motivación que requiren para construír un
futuro máis estable. UNICEF explica
que eses investimentos deberían estar dirixidos, entre outras, ás
seguintes esferas:
·Cursos de recuperación escolar e de formación profesional, e actividades recreativas para os adolescentes. Tendo en conta que en Sirya hai uns cinco millóns de nenos de 12 a 18 anos de idade, os mozos necesitan apoio para adquirir aptitudes e medios para gañarse a vida.
· Oportunidades de recibir educación formal e non formal para os
nenos afectados polo conflito, así como sistemas de certificación
que fagan posible que os estudantes non perdan o seu status
académico.
· Servizos de atención psicosocial e asistencia para os nenos
vulnerables, como os que foron vítimas de
violencia.
· Mellora dos sistemas de educación e saúde das comunidades
anfitrionas, ademais de apoio aos medios de subsistencia, co fin de
que todos os nenos que sufran algún efecto do conflito reciban
axuda.