Conflito de Sirya: grave estado nutricional dos nenos desprazados en tres provincias do país
Unha avaliación do estado nutricional dos nenos menores de cinco anos desprazados que viven en refuxios colectivos e en comunidades de acollida en Sirya, pon de manifesto un nivel 'grave' de desnutrición aguda global en tres provincias, e unha situación xeral de nutrición 'pobre' no país.
A Avaliación Rápida de Nutrición é o primeiro estudo a grande
escala deste tipo que se completa dende o inicio da crise en Sirya
en marzo de 2011.
O estudo pon de manifesto que tres provincias
- Hama, Alepo e Deir-ez-Zor -
mostran taxas de desnutrición aguda global entre os nenos da mostra
por enriba do 10%: unha situación nutricional considerada como
'grave' segundo os estándares da OMS.
A taxa xeral de desnutrición aguda global foi do 7,2% mentres que a
taxa de desnutrición aguda severa foi do 2,3% - niveis que indican
unha 'pobre' situación de nutrición baseada na clasificación
da OMS.
A avaliación tamén afirma que preto do 80% das familias desprazadas
informaron da súa dependencia dunha combinación de axuda
alimentaria e da compra de alimentos. Arredor do 29% das familias
dixeron que antes da avaliación non tiñan suficiente comida para
todos os membros da familia durante a semana, incluíndo a falta de
acceso en moitos casos a carne, ovos e produtos lácteos. Destas
familias, o 70% dixo que reduciran o seu número de
comidas.
Unha información que se une á publicada o pasado novembro
por OCHA no
informe Sirya: Visión Xeral das Necesidades Humanitarias. Nel
estímase que 4 millóns de nenos e mulleres necesitan previr a baixa
nutrición e acceder a servizos de tratamento nutricional para nenos
con desnutrición aguda no país.
"O estudo ofrece unha visión inquietante do impacto que a
continuidade do conflito está a ter no estado nutricional dos nenos
desprazados. Unha nutrición inadecuada ten riscos a longo prazo
para o benestar dos nenos e pode levar á morte en casos extremos,
se non se detecta a tempo e se trata," di Hanaa
Singer,
Representante de UNICEF en
Sirya.
"Os nenos están a recibir asistencia nutricional en áreas
accesibles, pero a situación nutricional é probable que sexa peor
para os nenos naquelas zonas do país ás que é difícil acceder.
"
Estase a avanzar, os resultados xa están mostrando a resposta
humanitaria na nutrición dos nenos e permitindo un enfoque máis
específico para axudar aos nenos que máis o necesitan",
sinalou Singer.
En 2015, UNICEF necesita
21,1 millóns de dólares co fin de ampliar o seu programa de
nutrición, fortalecer a prevención da desnutrición e a promoción de
prácticas óptimas; avaliar o grao de nutrición de máis nenos;
proporcionar maior apoio nutricional; e aumentar a formación nesta
materia.
A Avaliación Rápida de Nutrición levouna a cabo o sector
especializado en nutrición que traballa en Sirya xunto co
Ministerio de Saúde e a Oficina Central de Estatística, e o apoio
de UNICEF.
A avaliación levouse a cabo entre marzo e xullo de 2014 en 13 das
14 provincias de Sirya. Os enquisadores visitaron 3.361 familias
desprazadas que vivían en refuxios colectivos e na comunidade de
acollida. Avaliouse a situación nutricional dos preto de 4.500
nenos - a través dunha combinación de preguntas e medicións
incluíndo a altura, o peso, a circunferencia media do brazo e
comprobando tamén a presenza de edemas- recollendo datos completos
de 3.514 nenos.
Acerca de UNICEF
UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas as partes.