Estado Mundial da Infancia 2011. A adolescencia. Unha época de oportunidades.

Hoxe en día, 1.200 millóns de adolescentes encóntranse na encrucillada entre a infancia e o mundo adulto. Nove de cada 10 viven no mundo en desenvolvemento e afrontan grandes dificultades -dende acceder ao ensino ata, sinxelamente, permanecer con vida- que son mesmo maiores para as nenas e as mulleres novas.

Por medio de numerosos exemplos, o Estado Mundial da Infancia 2011 deixa claro que é posible alcanzar progresos sostibles. Sobre a base de investigacións recentes, tamén mostra que podemos avanzar dun xeito máis rápido e rendible, centrándonos, ante todo, nos nenos e nenas máis pobres dos lugares menos accesibles. Esta atención especial á equidade axudará a todos os nenos, incluíndo os adolescentes.
  

O presente informe dá conta dos perigos que encaran os nenos e nenas adolescentes: os traumatismos que cobran 400.000 vidas todos os anos; os embarazos e partos a temperá idade, unha das principais causas de mortalidade entre as nenas adolescentes; as presións que impiden a 70 millóns de adolescentes asistir á escola; a explotación, os conflitos violentos e as peores formas de abuso ás mans dos adultos. Tamén examina os riscos que levan consigo as novas tendencias; por exemplo, o cambio climático, cuxos efectos en moitos países en desenvolvemento xa están a socavar o benestar de incontables adolescentes; e a situación laboral, marcada por unha tremenda falta de oportunidades de emprego para a xente nova, especialmente nos países pobres. A adolescencia non é soamente unha etapa de vulnerabilidade; tamén é unha época chea de oportunidades, sobre todo para as nenas. Sabemos que canta máis educación reciban as nenas, máis probable é que atrasen o matrimonio e a maternidade, e que os seus fillos gocen de mellor saúde e educación. Proporcionar aos mozos as ferramentas que necesitan para mellorar as súas vidas, e motivalos a participar nas iniciativas que buscan mellores condicións para as súas comunidades, equivale a investir no fortalecemento das súas sociedades .