O benestar infantil dende o punto de vista dos nenos
Neste sentido, dende UNICEF España creuse necesario recoller e analizar as opinións e percepcións dos nenos e nenas, é dicir medir os niveis de benestar infantil segundo o propio punto de vista dos nenos, preguntándolles directamente que opinan, como se senten e o satisfeitos ou non que están coa súa vida e con algúns aspectos concretos desta.
Este informe, que recolle de xeito resumido os principais resultados do estudo Calidade de Vida e Benestar Infantil Subxectivo en España, pretende:
- Dar voz á infancia, aplicando un dos dereitos fundamentais recollidos pola Convención sobre os Dereitos do Neno, é dicir o dereito de cada neno a ser oído, a expresar a súa opinión en todo o que lles afecta, e a que esta sexa tomada debidamente en conta.
- Xerar novos datos sobre o benestar infantil dende un punto de vista subxectivo, que poidan complementar e mellorar as medicións obxectivas que tradicionalmente se realizan.
- Sensibilizar á sociedade no seu conxunto sobre a oportunidade e necesidade de escoitar as opinións dos propios nenos e tomalas debidamente en conta; isto é, promover o debate sobre a situación dos nenos e o benestar infantil dende distintos puntos de vista, e non só dende o punto de vista "adulto".
- Promover unha toma de decisións públicas informada, que incorpore aos nenos e a súa opinión á hora de elaborar políticas públicas que directa ou indirectamente lles afectan .
Que opinan os nenos e as nenas das súas vidas e do que os rodea? Que é o máis importante para eles? Que cousas lles satisfán máis, e cales menos? Que inflúe nos seus niveis de benestar? As respostas a estas e máis preguntas deste tipo, habitan tamén nas opinións e percepcións dos propios nenos e non se poden buscar só no que os adultos creemos saber deles.