Os dereitos da infancia nas cidades do mundo

Aproximadamente 1000 millóns de menores de idade viven nas cidades do mundo. En principio afortunados, por ter acceso ao enorme abano de posibilidades de desenvolvemento e protección que ofrecen as grandes urbes, cada vez máis nenos e nenas enfróntanse á dureza dun ámbito que non cumpre moitas das súas promesas iniciais.

Normalmente, cando pensamos en pobreza, desnutrición, falta de acceso á educación e outras violacións de dereitos da infancia imaxinámonos un neno ou nena do ámbito rural. Relacionamos a perda de dereitos á falta de acceso material a eles que se vive en lugares remotos: falta de escolas, escaseza de alimentos por malas colleitas, costumes tradicionais prexudiciais para a infancia, dificultades de transporte en caso de necesidade e moitas outras condicións que efectivamente se dan nos ámbitos rurais dos países en desenvolvemento. Isto fai que, cando os dereitos da infancia se vulneran no ámbito urbano, nos chame particularmente a atención, a pesar de que é un feito cada vez máis frecuente. Nas cidades e os seus arredores están os mellores hospitais, as mellores escolas, os centros gobernamentais, lexislativos e xudiciais que poñen en acción as leis que dan soporte aos dereitos da infancia. É nas cidades onde adoitan traballar os mellores profesionais da saúde e a educación e onde máis doado debería ser crear unha rede que protexa nenos, nenas e adolescentes do abuso, a explotación, a trata e os malos tratos. Non obstante, as grandes cidades do mundo teñen unha cara oculta onde a exclusión e a discriminación impiden a moitos nenos alcanzar os seus dereitos. En ocasións, as mesmas políticas que deberían protexelos se volven contra eles, ao limitar os recursos das súas familias e frear o seu acceso á saúde, a educación ou a protección. Aqueles nenos que teñen as maiores necesidades tamén fan fronte ás maiores violacións dos seus dereitos. As dificultades que os nenos sofren nas zonas urbanas poden ser a fame e a mala saúde; vivendas que non cumpren coas normas; un abastecemento deficiente de auga e saneamento; e a falta de educación e protección.  

Dereitos da infancia nos ámbitos urbanos

Cada día, millóns de menores que habitan en cidades ven perigar os seus dereitos máis básicos en materia de:

  • Saúde e nutrición: A fame e a desnutrición teñen un rostro cada vez máis urbano. O número de persoas pobres e desnutridas está a aumentar máis rapidamente en zonas urbanas que en zonas rurais. Mesmo as persoas aparentemente ben alimentadas, as que reciben suficientes calorías para realizar as súas actividades diarias, poden sufrir a "fame oculta" da desnutrición de micronutrientes
  • Auga, saneamento e hixiene: En conxunto, a poboación urbana en todo o mundo goza dun mellor acceso á auga potable e o saneamento que as persoas que viven nas zonas rurais. Aínda así a cobertura de auga e saneamento ten dificultades para manter o ritmo de crecemento da poboación urbana. As condicións de amoreamento e insalubridade fan que os tugurios urbanos sexan zonas dun alto risco de contraer enfermidades transmisibles.
  • Educación: As desigualdades (como por exemplo as que están baseadas no ingreso familiar, o xénero ou a orixe étnica) persisten na escola primaria a pesar dos avances que moitos países fixeron no establecemento dunha educación primaria universal. En moitos países, onde as opcións para recibir unha educación pública son escasas, as familias teñen que elixir entre pagar para que os seus fillos asistan a escolas privadas de mala calidade e atestadas de alumnos ou retirar por completo os seus fillos da escola.  
  • Protección: Problemas graves, como a falta de rexistro de nacementos non son exclusivos das remotas zonas rurais. Ademais, as cidades teñen problemas específicos: decenas de millóns de nenos e nenas viven ou traballan nas rúas das cidades grandes e pequenas do mundo, un número que vai en aumento debido ao crecemento da poboación mundial, a migración e a crecente urbanización.  

Recomendacións

Informe sobre o Estado Mundial da Infancia 2012 de UNICEFrealiza unha serie de recomendacións para que a infancia das cidades recupere os seus dereitos:

 1. Comprender mellor a magnitude e a natureza da pobreza e a exclusión que afectan aos nenos e as nenas nas zonas urbanas.
2. Definir e eliminar os obstáculos que atentan contra a inclusión das persoas menos favorecidas.
3. Garantir que a planificación urbana, o desenvolvemento da infraestrutura, a prestación dos servizos e as iniciativas de amplo alcance tendentes a reducir a pobreza e as desigualdades satisfagan as necesidades particulares e as prioridades da infancia.
4. Promover a creación de asociacións entre todos os niveis do goberno e os habitantes pobres das zonas urbanas, especialmente os nenos e os mozos.
5. Xuntar os recursos e as enerxías dos actores internacionais, nacionais, municipais e comunitarios en procura de que os nenos pobres e marxinados poidan gozar plenamente dos seus dereitos.

Estes non son obxectivos, senón medios para chegar a un fin: facer que as cidades e as sociedades sexan máis xustas e acolledoras para todos, empezando polos nenos e as nenas.