Mutilación xenital feminina: cando nada pode pararnos

Conteilles canto me doera a operación, o trauma que supuxo para min e como perdín a confianza nos meus pais. Decidiron que non querían que iso lle acontecese á súa filla". Meaza Garedu, de 14 anos, sufriu mutilación xenital cando tan só tiña 10 anos e agora sensibiliza sobre os efectos desta práctica na súa comunidade, en Etiopía.

Polo menos 120 millóns de nenas e mulleres no mundo sofren as graves consecuencias da mutilación xenital feminina. E ao redor de 30 millóns de nenas están en risco de ser sometidas a esta práctica cada ano. Trátase dunha práctica fortemente arraigada no costume e que se basea na desigualdade de xénero.

10.000 comunidades  renunciaron a esta práctica

Pero podemos cambialo. No ano 2008, UNICEF e UNFPA (Fondo de Nacións Unidas para a Poboación) iniciamos un programa conxunto en 15 países de África onde o número de mulleres que son vítimas de mutilación xenital feminina é alarmante.

Países como Somalia, Guinea e Djibouti, con taxas de prevalencia por enriba do 90%, forman parte deste programa, que fixa diferentes obxectivos:crear leis que prohiban a mutilación; desenvolver campañas mediáticas para informar sobre os prexuízos desta práctica; formar os traballadores de saúde eequipar os centros cos materiais axeitados para o tratamento e prevención...

Dende o inicio do programa conseguimos grandes cousas. Dos 15 países, en 11 deles a lexislación prohibe xa a mutilación xenital. Os últimos en sumarse foron Guinea Bissaue Kenya en 2011.

Mesmo nos países onde se rexistran as maiores taxas, está a cambiar a actitude con respecto á práctica. En Exipto, por exemplo, onde o 90% das nenas e mulleres foron mutiladas, duplicouse o número de nenas e mulleres de entre 15 e 49 anos casadas que pensan que a mutilación xenital feminina debe erradicarse.
 
 

Programas participativos, a forza do grupo

Pero conseguimos algo máis importante: a razón que nos fai crer que podemos evitar que máis nenas sufran unha vulneración tan grave do seu dereito á integridade física e moral:preto de 10.000 comunidades dos 15 países, cuns 8 millóns de habitantes, renunciaron á práctica. Só o ano pasado, un total de 1.775 comunidades en África declararon publicamente o seu compromiso de erradicala.

Trátase de pequenos pobos nos que ata fai ben pouco a presión social, o medo á exclusión e os costumes, eran poderosas razóns para manter a mutilación xenital de nenas e mulleres, e que agora declararon publicamente, cun compromiso explícito, que ningunha outra nena na súa comunidade terá que sufrir tan grave agresión.

Os programas participativos de enfoque comunitario que desenvolveUNICEF permiten que as comunidades discutan sobre os problemas que lles afectan de forma aberta e natural. Nos diálogos comunitarios, pouco a pouco, todos se atreven a comentar as consecuencias negativas que tivo a ablación sobre as súas fillas ou mulleres.

E a presión que antes existía para manter este costume, convértese na presión para eliminala grazas á forza do grupo. E é que as persoas, individualmente, podemos facer grandes cousas. Pero cando os nosos medos se reflicten nos do outro, cando o "ti" e o eu" se converte en "nós", entón, nada pode pararnos.