Por que traballo para combater a malaria?
Post de Valentina Buj – Especialista en Malaria de UNICEF
A primeira vez que vin un neno morrer de malaria pensei que o meu corazón se esnaquizaba. Este sentimento de dor nunca despareceu. Ademais de tristura, tamén me sinto anoxada, porque sei que nalgún lugar do mundo, a malaria segue acabando cunha vida cada minuto. Iso significa que uns 1.400 nenos morren todos os días. Unha estatística de todo inaceptable, xa que a malaria é prevenible e tratable.
A malaria mata ao redor de 700.000 persoas cada ano. Case a metade da poboación mundial (3.300.000 de persoas) corre o risco cada ano de contraer a malaria, en particular aqueles que viven nos países máis pobres do mundo. A malaria representa o 8% da mortalidade de menores de cinco anos a nivel mundial e un incremento nun 16% da mortalidade dos menores de cinco anos en África, o que significa que un de cada seis nenos que morre en África morre de malaria. Empecei a traballar coa malaria case por casualidade (outros chamaríano destino). No ano 2001 estaba en Turquía co Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) cando me entregaron unha gran cantidade de expedientes de proxectos para avaliar. O primeiro de todos era sobre unha presa recén construída no sueste, e como consecuencia, un aumento progresivo nos casos de malaria entre os traballadores emigrantes. Sentíame anoxada pola inxustiza de que unha enfermidadeprevenible, que moita xente pensaba que se erradicara na década dos 60, aínda estaba a matar millóns de persoas en todo o mundo. A malaria converteuse na miña prioridade, a guía dos meus estudos e investigacións.
Grandes progresos, grandes retos
Foi unha década extraordinaria para traballar coa malaria, os avances na súa detección supuxeron un aumento do financiamento e un maior interese por ter baixo control esta enfermidade mortal. En 2011 celebramos o feito de que na última década máis dun terzo dos países con malaria endémica lograran reducir os casos de malaria nun 50% ou máis, e que as mortes por malaria en todo o mundo se reduciran en máis do 20% entre 2000-2009, un logro que nunca teriamos imaxinado no ano 2000. Non obstante, aínda queda moito por facer. O control da malaria ten uns custos moi baixos. Trátase de facer un test diagnóstico aos nenos, que ten un custo de 0,45 € e tratalos con produtos eficaces contra a malaria por valor de 0,83 €. Tamén é importante colocar mosquiteiras tratadas con insecticidas (7,6 €) sobre os nenos pola noite para que os protexa polas noites (máximo durante tres anos). Non obstante non é unha tarefa doada en países tan difíciles como a República Democrática do Congo (RDC), pero é completamente factible, e dígoo porque o vin no ano 2009, cando UNICEF axudou a distribuír 5,5 millóns de mosquiteiras e o verei de novo este ano, candoUNICEF distribúa ¡13,7 millóns de mosquiteiras en todo o país! Sigo traballando coa malaria porque éprevenible e tratable: en só tres días, uns simples diagnósticos e medicamentos poden dar aos nenos pequenos a oportunidade de crecer sans e fortes. Sigo traballando niso con UNICEF. Porque os meus compañeiros me inspiran e me sento parte dunha organización que está a traballar en todos os ámbitos da protección dos nenos: dende a mobilización de recursos ata a compra de produtos contra a malaria coa garantía de que se distribúan en todos os casos e que cheguen aos fogares. Sigo loitando porque estamos ás portas dunha nova oportunidade histórica para derrotar definitivamente esta enfermidade e dar aos nenos a mellor vida posible, unha vida sen malaria.