12-X Galicia: animamos a que a infancia e a adolescencia sexan unha prioridade na nova lexislatura
UNICEF Comité Galicia reuniuse coas principais formacións políticas para promover medidas que protexan, e fagan reais e efectivos, os dereitos das nenas, nenos e adolescentes nesta comunidade autónoma.
07/07/2020
Desde o comité galego de UNICEF instamos ás principais formacións políticas que concorren ás eleccións autonómicas do domingo 12 de xullo a que os dereitos da infancia e a adolescencia sexan unha prioridade na nova lexislatura 2020-2024.
Reunímonos cos principais partidos e presentámoslles o documento A infancia en acción: 35 propostas políticas para Galicia, para que as nenas, nenos e adolescentes sexan protagonistas nos distintos programas electorais, incluíndo todo aquilo que, como consecuencia da crise da COVID-19, precise unha maior implicación por parte das formacións.
Estas son algunhas das propostas principais:
- Impulsar a tramitación dunha Lei Galega de Infancia e Adolescencia que defina medidas e políticas dirixidas especificamente aos nenos e nenas.
- Poñer en marcha, e dotar de recursos e orzamento, ao Observatorio Galego da Familia e da Infancia.
- Recoñecer expresamente á infancia como principio de prioridade orzamentaria, garantindo un investimento suficiente, adecuado e estable.
O documento inclúe unha relación de medidas organizadas ao redor de bloques temáticos: educación inclusiva e de calidade; equidade e inclusión social, protección, Axenda 2030 ou cooperación.
Ademais, establece propostas concretas que se deben ter especialmente en conta tras a emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19:
- Aumentar a dotación de recursos para reverter a fenda dixital.
- Educación 0-3 pública e gratuíta para todos os nenos e nenas.
- Mellorar as rendas mínimas para beneficiar ás familias con fillos e fillas a cargo.
Mozos e mozas dos Consellos de Participación Infantil e Adolescente de varios Concellos galegos tamén quixeron trasladar as súas peticións para esta nova lexislatura. Podes coñecelas no twitter co cancelo #AVozDaInfanciaGalega.
“Sen un sistema de protección social apropiado, os nenos e nenas que xa están en situación de pobreza e exclusión e as súas familias, e aqueles que experimentan unha situación de pobreza como resultado da crise asociada á COVID-19, non terán os medios para protexerse da pandemia, acceder a servizos básicos e reconstruír os seus medios de vida”, subliñou a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito.
“Por iso é polo que sexa necesario propoñer e facer un seguimento das medidas que consideramos primordiais para o correcto desenvolvemento da infancia e adolescencia en Galicia”, agregou.
A infancia en acción: 35 propostas políticas para Galicia