15.000 nenos hondureños esperan a súa deportación en centros de detención de Estados Unidos

Falamos con Héctor Espinal, especialista en comunicación de UNICEF en Honduras, para aprender máis acerca de como UNICEF está a abordar as causas profundas da migración infantil.

Como é a vida para os nenos en Honduras?

ESPINAL: En todo o país hai unha taxa de mortalidade infantil de 23 por 1.000. Temos 900 mil nenos e adolescentes que non traballan nin van á escola. Temos 12 nenos que son asasinados cada día vítimas da violencia armada. Só o 36% dos adolescentes chegan á educación secundaria.

Dos emigrantes que entraron a Estados Unidos neste último ano, cantos son nenos de Honduras?

ESPINAL: En Estados Unidos hai 47.000 nenos de América Central (de O Salvador, Honduras e Guatemala) que están detidos ou en proceso de ser deportados. Destes 47.000, 13.000 son de Honduras.

Que lles vai pasar agora?

ESPINAL: Entre outubro de 2013 e xuño de 2014, case 15.000 nenos hondureños cruzaron a fronteira con Estados Unidos. Agora encóntranse en centros de detención ou sometidos a un proceso de deportación. Desta cifra, só 56 teñen sido deportados a Honduras ata a data. A información que temos é que todos eles serán deportados; máis de 14.000 nenos serán deportados a Honduras nos próximos meses.
 

Máis de 14.000 nenos serán deportados a Honduras nos próximos meses

Cales son as súas necesidades inmediatas cando son repatriados?

ESPINAL: A primeira cousa que necesitan estas familias son as oportunidades de traballo para satisfacer as súas demandas básicas; se non, os nenos van querer tratar de volver entrar en Estados Unidos. Tamén necesitan protección porque, en ocasións, fan a viaxe a Estados Unidos cando son recrutados ou ameazados polas maras. Así que cando estes nenos regresan, a familia os está a esperar, pero pode que algún membro da mara tamén os estea a esperar.

Tendo en conta esas necesidades, que pode facer UNICEF por estes nenos, xa que están a ser devoltos a Honduras?

ESPINAL: Hai tres cousas que se poden facer para estes nenos. A primeira delas é apoiar as familias cun paquete básico que cubra as necesidades inmediatas, incluíndo un traballo. A segunda é aceptar a todos estes nenos na escola, independentemente das súas condicións. E a terceira é asegurar que os nenos que foron ameazados principalmente polas cuadrillas son recolocados noutra comunidade onde a súa vida non está en perigo.

Que pasa coas causas profundas da migración, a pobreza e a violencia?

ESPINAL: UNICEF avoga por traballar co goberno para abordar as causas fundamentais da pobreza; para asegurar que os nenos teñan un ambiente protexido, especialmente contra a delincuencia organizada e os traficantes de drogas; e para asegurar que os nenos sexan devoltos ás súas familias.
Cada vez que a resposta foi sistemática, logrouse reverter a violencia, e as causas da migración. O goberno escoita a UNICEF e que a súa credibilidade e a súa capacidade de cambiar as cousas é aínda máis importante no ámbito local.

Podes coñecer máis sobre o traballo de UNICEF en materia de protección infantil.