Afganistán: avances en saúde, educación e benestar de mulleres e nenos

A saúde, educación e benestar das mulleres e nenos de Afganistán experimentou unha melloría significativa, segundo a Enquisa Sectorial de Múltiples Indicadores (MICS, nas súas siglas en inglés), publicada hoxe pola Organización Central de Estatísticas (CSO). Moitos afgáns melloraron no acceso a auga potable, a asistencia á escola de nenos e nenas aumentou e a mortalidade infantil descendeu.

A MICS de Afganistán, enquisa levada a cabo polo CSO co apoio de UNICEF, proporciona datos sobre unha serie de indicadores que permiten avaliar a situación das mulleres e nenos do país, como a mortalidade infantil, nutrición, saúde infantil, auga e saneamento, saúde reprodutiva, desenvolvemento da infancia, educación, protección infantil e VIH/SIDA. Os datos foron recollidos en 34 provincias do país.

"A AMICS (MICS de Afganistán) forma parte do esforzo do noso Goberno para seguir o progreso cara aos obxectivos comprometidos, como os Obxectivos do Milenio", declarou Abdul Rahman Ghafoori, Presidente xeral de CSO.
  

 
 

Preocupación pola área de protección da infancia

O progreso foi máis lento en moitas áreas, como a alfabetización das mulleres, a cobertura de vacinación, os coidados prenatais e a igualdade de xénero na educación. Hai algúns achados preocupantes na área da protección á infancia, como a prevalencia do traballo infantil no país, a baixa asistencia á escola entre os nenos orfos e as altas taxas de violencia contra os nenos, incluíndo os severos castigos físicos inflixidos para impoñer disciplina.

Entre todos os sectores considerados no informe, as maiores desigualdades danse pola formación dos enquisados. Hai grandes diferenzas entre as zonas urbanas e as rurais, os diferentes status socioeconómicos nos fogares e entre rexións. Sistematicamente, o nivel de educación das mulleres revelouse como un vaticinador fiable do resto de indicadores. Así, a medida que o nivel educativo da muller aumenta, os resultados da maioría de indicadores son mellores. Por exemplo, a mortalidade infantil é moito máis baixa entre mulleres con formación que entre mulleres sen ela.

"As conclusións da AMICS mostran que se necesita facer moito máis para apoiar a saúde e o benestar das mulleres e nenos afgáns se queremos cumprir os Obxectivos do Milenio a tempo", dixo Peter Crowley, Representante de UNICEF en Afganistán. "Se poñemos atención a estes datos poderemos planificar mellor as nosas intervencións en asistencia humanitaria e de desenvolvemento para aliviar algunhas das desigualdades máis graves".