Burkina Faso: Mamounata e a súa vitoria fronte á desnutrición

Por Gwen Lansaman, Xerente de Produto de UNICEF España

En Burkina Faso, UNICEF apoia a varias asociacións cuxa labor é concienciar á poboación sobre as boas prácticas de hixiene, nutrición e protección dos nenos. Neste país, un 35% dos nenos de menos de 5 anos morre por causas relacionadas coa desnutrición, a maioría delas facilmente evitables.
 

Tiven a sorte de viaxar a Burkina para coñecer os proxectos de UNICEF. Estivemos no pobo musulmán de Yagma, no centro do país, onde a asociación Chants de Femmes (Cantos de Mulleres) estivo traballando co apoio de UNICEF. O seu responsable, Valentine, explícanos que, cando chegou aquí hai uns meses, as mulleres non se atrevían a falar dos seus problemas, nin sequera nos seus fogares.

Cando chegamos ao pobo, as mulleres recíbennos orgullosas, xunto aos homes do pobo. Unha delas,Mamounata, toma a palabra para explicarnos o que aprenderon grazas ao apoio de Chants de Femmes. Fálanos das prácticas de hixiene que lles ensinaron, facendo fincapé na importancia da lactación materna exclusiva no seis primeiros meses de vida dos bebés.
 

En Burkina Faso, persisten varias crenzas equivocadas acerca da lactación. Por exemplo, as mulleres pensan que o feito de dar leite materno ao seu fillo dálles sede, e por iso complementan a lactación con auga ou con infusións de plantas. Esta mestura non adoita ser boa para o neno e provócalles diarrea.

As nais non sabían recoñecer os primeiros signos de desnutrición nos nenos, que se producían pola combinación do uso de auga contaminada e as malas prácticas de hixiene en casa. Mamounata explícanos como aprendeu a coidar todos estes aspectos, e como modificou o seu comportamento. Costumes sinxelos que poden cambiar vidas.
 

Tamén nos conta, orgullosa, que o último dos seus 7 fillos non sofre desnutrición como lles sucedeu aos seus irmáns. O pequeno recibiu lactación materna exclusiva desde o primeiro momento, e Mamounata coidou a limpeza dos seus instrumentos de cociña, así como da auga que utilizou.
 

O discurso de Mamounata énchenos de esperanza, e animamos a Valentine para que siga co seu gran traballo. As mulleres de Yagma despídennos cantando, transmitíndonos a súa alegría e recoñecemento.