COVID-19: Fortalecemos contornas protectoras para a infancia en Cuba co apoio da Xunta de Galicia
A colaboración inclúe a formación de actores sociais e a volta segura ás actividades de nenos, nenas e adolescentes tras a pandemia.
02/06/2020
Asinamos coa Xunta de Galicia un acordo de colaboración co obxectivo de consolidar contornas protectoras para nenos, nenas e adolescentes na Habana Vella (Cuba) cando termine a situación epidemiolóxica provocada pola COVID-19.
O proxecto apoiará a volta aos talleres de prevención, protección e inclusión para nenos, nenas e adolescentes en condicións hixiénicas seguras, así como a preparación de persoal e outros profesionais sociais que traballan con estes grupos, cun enfoque en materia de dereitos de infancia e equidade.
Farase énfase na prevención de diversos tipos de violencia, incluíndo a violencia de xénero; tamén se incidirá nos escenarios dixitais, nas relacións entre pares e interxeracional, en ámbitos institucionais e comunitarios.
O proxecto “Desenvolvemento social integral e participativo dos adolescentes na Habana Vella”, coñecido como a+ espazos adolescentes, que xa recibiu por dous anos consecutivos o apoio financeiro da Xunta de Galicia, contribúe ao desenvolvemento integral e participativo dos e das adolescentes na Habana Vella, cun enfoque de dereitos e equidade. Grazas a este novo convenio consolídase o traballo anterior nun contexto novo, xerado pola pandemia da COVID-19.