Crise en Gaza: as familias e os nenos enfróntanse á destrución
A medida que se achega o fin do alto o fogo de tres días decretado en Gaza, as familias seguen loitando para facer fronte ás secuelas provocadas por 28 días de violencia e destrución que deixou unhas 65.000 persoas sen fogar.
"Dos tres últimos conflitos en Gaza, este foi o máis longo, letal e destrutivo", dixo June Kunugi, Representante de UNICEF no Estado de Palestina. "O seu custo humano e material non se pode describir con palabras. "
Crise en Gaza: 65.000 persoas quedaron sen fogar
Máis dunha cuarta parte dos residentes de Gaza foron desprazados durante o último conflito. O alto o fogo de tres días permitiu ás familias visitar os seus fogares, pero moitos tiveron que regresar aos refuxios comúns cando viron que os danos afectaban totalmente ás súas vivendas.
A masificación dos refuxios xestionados pola ONU, moitos deles escolas, está a complicar as tarefas destinadas a cubrir as necesidades básicas e a asegurar que haxa boas condicións de limpeza para estas familias co fin de evitar a propagación de enfermidades. Están a aumentar os casos de nenos con diarrea e enfermidades da pel.
Os servizos básicos están moi danados. O acceso a auga está limitado a 1,5 millóns de persoas e a falta de electricidade está a afectar aos servizos de distribución de auga, saneamento e saúde.
Crise en Gaza: 400.000 nenos necesitan apoio psicolóxico
Ao redor de 400.000 nenos mostran síntomas de trauma polo que necesitan apoio psicosocial, tras detectarse que se mexan na cama, aférranse con forza aos pais ou sofren pesadelos. A metade dos 1,8 millóns de habitantes de Gaza son nenos menores de 18 anos.
Dende os primeiros días do conflito despregáronse equipos de apoio psicosocial de emerxencia apoiados por UNICEF para prestar apoio aos nenos afectados, chegando ata o momento a 1.870 nenos de toda a Franxa de Gaza.
Segundo as últimas cifras confirmadas por UNICEF, polo menos 429 nenos foron asasinados no último mes como consecuencia dos ataques aéreos e dos bombardeos, unha mostra máis do efecto desvastador que a última escalada de violencia tivo sobre os máis novos e vulnerables en Gaza.
Dende que o alto o fogo entrou en vigor o luns pola mañá, non se rexistraron máis mortes de nenos.
Tamén resultaron feridos polo menos 2.744 nenos. Algunhas destas vítimas, que sufriron lesións para as que non hai tratamento en Gaza, tiveron que ser trasladadas fóra desta localidade costeira para que puidesen recibir tratamento.