'O meu fillo xa non come area'

Post de Paloma Escudero, Directora Executiva de UNICEF España

Este post foi publicado hoxe no blog da Fundación de Bill e Melinda Gates Impatient Optimists

Só os que foron testemuñas dos efectos dos programas de prevención da desnutrición infantil e o tratamento dos casos agudos, son capaces de calibrar o seu impacto. Aos poucos días de comezar cos suplementos alimenticios, os nenos recuperan a vitalidade, o sorriso e as ganas de xogar, e as familias convértense no mellor altofalante da campaña. Algunhas nais describen o efecto cunha sinxeleza demoledora: "O meu fillo xa non come area". Toda a crueza da fame e toda a esperanza dun presente mellor en só seis palabras.A loita contra a desnutrición infantil encapsula toda a argumentación a favor da axuda ao desenvolvemento: a redución das desigualdades que lastran o futuro dos nenos é uninvestimento xusto, rendible e eficaz, e Mauritania constitúe un éxito pouco coñecido nesta batalla. Aínda que a desnutrición crónica segue afectando a un de cada catro menores de cinco anos, ao longo das últimas décadasMauritania logrou reducir á metade a súa prevalencia e camiña cara ao cumprimento do Obxectivo do Milenio para 2015. De ter seguido a traxectoria do continente, Mauritania tería hoxe 87.000 nenos desnutridos máis. Durante os últimos cinco anos o país foi dando os pasos que lle permitirían previr a desnutrición do futuro e fíxoo grazas á vontade política do Goberno, a creatividade das organizacións humanitarias e os recursos económicos dos doadores. España, en particular, xogou un papel protagonista neste esforzo. O vehículo concreto foi a Iniciativa REACH, a través da cal, Goberno e axencias internacionais combinan políticas activas de nutrición, seguridade alimentaria e protección social nun esforzo innovador e coordinado que pode marcar o camiño da loita contra a fame nas próximas décadas.  

 
Nun momento de restrición xeneralizada do gasto público,como a que se está a producir en España,existe a necesidade de xustificar o valor e o impacto de cada euro. Precisamente este caso que describe o recente informe de UNICEFEspaña, O meu fillo xa non come area, é unha excelente oportunidade para demostrar aos contribuíntes españois, o valor da axuda e a necesidade de soster os programas de cooperación. Cooperar para contribuír ao esforzo de todas aquelas poboacións que afrontan as consecuencias da desigualdade ten resultados reais e concretos: 87.000 nenos menos non comerán area en Mauritania. Agora, a pregunta que nos facemos moitos é como imos poder manter esta traxectoria de éxito no futuro, cando á crise múltiple que castiga a toda a rexión do Sahel, se unen as incertezas sobre o compromiso financeiro dos países doadores como España, que reduciu os fondos de axuda ao desenvolvemento nun 70% nos últimos anos. Con todo, mesmo neste contexto de crise,hai marxe para tomar decisións estratéxicas e buscar saídas que non xeren máis desigualdade. A protección dos máis vulnerables ten que estar no centro das decisións. É o único modo de evitar, como dixo recentemente Ban Ki-Moon, que "carguemos sobre as costas dos máis débiles o efecto da austeridade fiscal".