República Centroafricana: os nenos son o branco das atrocidades

Un ano despois do inicio do conflito na República Centroafricana, 2,3 millóns de nenos sofren as consecuencias desta crise e, de forma crecente, estanse a converter nas vítimas da violencia e do recrutamento forzoso no medio das atrocidades que se producen.

A resolución de Nacións Unidas aprobada polo Consello de Seguridade e o cumio París-África, en marcha, está a poñer o foco, aínda que con atraso, nesta crise esquecida. Pero é necesario actuar canto antes para protexer os nenos da violencia, para liberalos de grupos armadas, e para proporcionarlles acceso seguro a asistencia humanitaria.

A tensión crece entre as comunidades e isto aumenta as posibilidades de que enfrontamentos violentos como os da capital, Bangui, e outras cidades, se intensifiquen e se convertan en masacres a grande escala. Rexistráronse incidentes confirmados de ataques a nenos e mulleres en Mboki hai dúas semanas e en Bouali hai tres días.

"A acción efectiva non debe atrasarse máis; non pode haber escusa para fallar aos nenos e as familias da República Centroafricana, " dixo o director executivo de UNICEF, Anthony Lake. "A acción debe ser imparcial e rápida para poñer fin a que os nenos sexan un branco, para protexer escolas, os servizos de saúde e os centros de tránsito, e para proporcionar atención e apoio ás vítimas -sen impunidade para os perpetradores destas aldraxes contra os nenos. "
 

o 80% das escolas de primaria deixaron de funcionar

Sete de cada dez estudantes de ensino primario na República Centroafricana non van á escola dende decembro de 2012 e o 80% de todas as escolas de primaria deixaron de funcionar debido aos enfrontamentos. Os nenos que non van á escola son os máis vulnerables ao recrutamento.

O número de nenos relacionados con grupos e forzas armadas no país aumentou ata polo menos 3.500 pero poderían ser tantos como 6.000; e Nacións Unidas recibiu informacións de casos de violencia sexual e violacións a nenas, incluíndo violacións colectivas.

Con máis de 480.000 persoas obrigadas a abandonar as súas casas ata o momento, e as ameazas para a estabilidade da rexión, UNICEF e os seus aliados seguen traballando para proporcionar axuda que salva vidas á poboación desprazada en todo o país e para aqueles que fuxiron á República Democrática do Congo e a Camerún.

Mesmo cando empeora a situación da seguridade, ese traballo segue adiante.