Sudán do Sur: as voces da fame

Esta noticia publicouse orixinalmente en El mundo.

UNICEF falou con nenas e mulleres en Kiech Kon, un pobo remoto de Sudán do Sur, para escoitar as súas historias, para aprender sobre as súas vidas e para coñecer as súas esperanzas para o futuro.

Estas son as voces da fame en Sudán do Sur:

Nyaluak Wie, 14 anos
"Se a miña familia non ten diñeiro e toma a dolorosa decisión de vender unha cabra ou unha vaca para conseguilo, temos que ir andando á cidade máis próxima, onde hai un mercado. Alí utilizamos o diñeiro para comprar a fariña de millo ou aceite de cociña.

Non hai nada diso en Kiech Kon, que é o pobo onde vivo. Camiñamos tres días. Si, tres días, durante os cales durmimos no camiño, simplemente deitados debaixo dunha árbore tratando de evitar a chuvia. Hai serpes e moita lama e auga pantanosa.

Temos que facer isto porque hoxe non temos outra forma de conseguir alimento para as nosas familias".
 
Nyatuoch Wie, 15 anos 
"Adoitabamos ir á escola noutro pobo que está a dúas horas de distancia de aquí, pero pola guerra a escola pechouse e tivemos que vir aquí a Kiech Kon.

Está ben. É un pouco aburrido, pero polo menos estamos todos xuntos e a familia está aquí tamén. Nos temos rexistrando para que Nacións Unidas nos dea gotas, vacinas, alimentos e educación para a saúde. Estas son cousas que ninguén máis nos está a dar agora.

Cando penso no futuro creo que quero ser enfermeira ou médico para axudar á xente. Aquí hai moi poucos profesionais da saúde e hai unha gran necesidade. Mesmo antes da guerra, que fixo as cousas máis duras aínda, era difícil.

Onde eu vivo agora non hai nin medicinas. Ninguén pode encontrar axuda se ten malaria ou se hai un parto difícil ou se o seu fillo está enfermo".
 
Nyibol Jul, 14 anos
"Vin moitos avións pequenos que aterran na pista aquí, no pobo onde vivo, en Kiech Kon, no estado do Alto Nilo, e traen xente de lonxe que veñen a axudarnos, como médicos e enfermeiras.

Por iso, eu quero ser piloto dun avión para axudar a todas as persoas de Sudán do Sur. Non hai estradas aquí, así que me parece que ser un piloto pode realmente ser un moi bo xeito de axudar aos meus paisanos e paisanas".
 
Nyibol Chok, 13 anos
"Adoitabamos ir á escola noutro lugar a dúas horas a pé, pero pechou cando a crise se iniciou en decembro de 2013.
Dende entón vivimos neste pobo de Kiech Kon onde estamos a salvo.

Necesitamos educación. Xa perdemos case un ano de escolarización. Iso non é bo para nós. Necesitamos unha educación de calidade con profesores cualificados, non alguén que apenas rematase de estudar un grao e trate de ensinarnos algo.

Quero ser médico e traballar no hospital para axudar á xente. Hai unha gran necesidade de médicos en Sudán do Sur. Aquí en Kiech Kon adoitaba haber un médico, pero agora debido á guerra el non ten subministracións e ningún equipo e realmente non pode axudar máis".
 
Nyapith Roaw, 14 anos
"Quero ser médico, hai moitas persoas aquí que necesitan axuda. Pero preocúpame que poidan acabar casándome pronto.

Se estás casada aquí, entón a túa vida diaria é só camiñar lonxe para ir a encontrar auga, ou camiñar moi lonxe para encontrar algún alimento no mercado que está a uns días do pobo de Kiech Kon no estado do Alto Nilo.

É difícil desafiar ás necesidades dunha familia cando te casas. Como non hai unha escola, a moitas mozas cásanas pronto. As súas familias son pobres debido á crise, e non son capaces de resistir a oferta dun dote.

Isto significa que as mulleres non son capaces de completar os seus estudos. No seu lugar, elas camiñan lonxe todos os días só para encontrar auga ou comprar no mercado. Ese non é o futuro que as miñas amigas e eu queremos".
 
Nyagach Ngot, 15 anos
"A vida aquí en Kiech Kon é difícil, sobre todo, agora debido á guerra. Non podemos pasar por case ningún sitio.

Por suposto que existe a necesidade aquí de educación e necesitamos médicos, pero tamén necesitamos outras cousas, sobre todo gustaríame ter unha rede de telefonía móbil. Estamos moi illados no meu pobo, porque non hai enerxía e non hai xeito de comunicarse.

Teño parentes e amigos que viven en Khartum, en Etiopía e en Kenya; pero non teño xeito de saber se están ben. De feito, aínda que digo que están neses países, pasou tanto tempo dende que falei con eles que xa non podo estar segura. Poderían estar en calquera parte".