Terremoto en Nepal: dano emocional sen precedentes para os nenos

Os nenos de Nepal enfróntanse a un dano emocional sen precedentes mentres sofren as desvastadoras consecuencias de dous grandes terremotos en dúas semanas e media.

Miles de nenos e as súas familias volveron aos asentamentos informais en todo o país. Despois do terremoto do 12 de maio moitos teñen demasiado medo para volver á casa.

"Non podemos subestimar o impacto psicolóxico que estes potentes tremores repetidos teñen sobre os nenos", explica Rownak Khan, representante adxunto de UNICEF Nepal.
 

Terremoto en Nepal: "os nenos choran durante horas, teñen pesadelos"

"Eu estaba moi preto do epicentro do terremoto do martes. Os nenos abrazábanse uns a outros e estiveron a chorar durante horas, mentres a xente abandonaba as súas casas. Sabemos que moitos nenos teñen pesadelos, algúns están moi nerviosos e non poden durmir, e outros non se separan dos seus pais".

Dende UNICEF estamos a reforzar as nosas operacións nas áreas afectadas, incluíndo os distritos de Dolakha e Sindhulpachok, os máis afectados polo terremoto do martes. Ademais de proporcionar auga potable, saneamento e subministracións médicas, estamos a priorizar o apoio psicolóxico aos nenos que están a sufrir un grande estrés.

"É obvio cando un neno non ten comida, refuxio ou auga potable. Non obstante, os síntomas dunha angustia emocional, como a ansiedade, poden non ser visibles e causar graves danos a longo prazo se non se tratan", explica Khan.
 

Terremoto en Nepal: UNICEF axuda aos nenos a superar o trauma

Para axudar aos nenos a enfrontarse aos seus traumas, dende UNICEF estamos:
 
 Apoiando nas áreas máis afectadas do país a terapeutas que ofrecerán axuda especializada aos nenos.

. Establecendo nos campamentos informais decenas de Espazos Amigos da Infancia, onde os nenos poden acceder a apoio psicosocial.
. Dando apoio a clases de arte como terapia para os nenos.
. Executando un programa especial en Radio Nepal -BhandaiSundai- 
que permite chamar para que os nenos das áreas máis remotas reciban asesoramento. O programa estábase a emitir dez minutos despois do terremoto do 12 de maio.
. Despregando equipos para identificar e asistir a calquera neno que puidese quedar separado das súas familias.
. Axudando a abrir as escolas e establecer centros temporais de aprendizaxe para axudar aos nenos a retomar a súa educación e ofrecerlles un espazo seguro e unha sensación fundamental de rutina.

 
"É importante que fagamos todo o posible para ofrecer aos nenos o apoio psicosocial que necesitan, así como un ámbito seguro e unha rutina estables que lles axuden a aceptar estas experiencias", sinala Khan. "Os nenos de Nepal xa pasaron demasiado e debemos facer todo o que poidamos para devolverlles unha sensación de infancia". engade.

Se podes, axuda aos nenos de Nepal