Unha grave seca pon en perigo millóns de persoas en Angola e Namibia

Unha das peores secas dos últimos 30 anos está a azoutar Angola e Namibia, no sur de África, aumentando cada vez máis a ameaza da fame, a desnutrición, as enfermidades e a perda dos medios de vida das familias.

Despois de case tres décadas de baixas precipitacións e tras dous anos sen chover, máis de 778.000 persoas no norte de Namibia están xa afectadas, de xeito grave ou moderada, pola inseguridade alimentaria, incluíndo uns 109.000 nenos menores de cinco anos en risco de desnutrición aguda. Ademais, estímase que 1,5 millóns de persoas no sur de Angola están a sufrir inseguridade alimentaria.
 
evitar unha crise nutricional
UNICEF busca apoio internacional para apoiar as persoas afectadas, en particular mulleres e nenos, para evitar unha crise nutricional e sanitaria en ambos os dous países. Xunto con outros organismos de axuda humanitaria, UNICEF fai un chamamento de fondos por valor de 7,4 millóns de dólares (uns 5,5 millóns de euros) para financiar o seu traballo de resposta en Namibia, e 14.300.000 dólares (uns 10.700.000 euros) para responder nas provincias máis afectadas de Angola, incluíndo Cunene, Namibe eKuando Kubango, así como nas rexións do sur de Benguela e Huila.

"O cambio climático e a presión á que está a ser sometido o medio están a complicar cada vez máis a vida dos máis pobres e vulnerables nas comunidades máis remotas, onde a vida cotiá xa é moi difícil para os nenos. A escaseza de alimentos e de auga aumenta a probabilidade de contraer enfermidades e de sufrir desnutrición", dixo Steven Allen, Director Rexional de UNICEF para África Oriental e Meridional. "Os informes de terreo indican que os nenos xa están a abandonar a escola e que están a ser separados dos seus pais, un claro sinal da tensión e a vulnerabilidade á que se enfrontan as familias ao tratar de facer fronte á seca. "

O apoio de UNICEF aos gobernos de Namibia e Angola centrarase na prevención e tratamento da desnutrición e das enfermidades, a subministración de auga e saneamento, a redución de riscos na protección dos nenos e apoio para o acceso dos nenos á educación, a través da participación coordinada coas autoridades locais e aliados internacionais.
falta de alimentos e acceso a auga

A pesar de que a emerxencia se encontra na súa primeira fase, espérase que a situación empeore nos próximos meses, polo que para as familias é cada vez máis difícil facer fronte á situación e sobrevivir.


A gandaría e os cultivos perdéronse e moitas familias están vendendo os seus bens e saltándose as comidas. Os informes realizados mostran que a asistencia escolar se reduciu como consecuencia da seca. Ademais, como os pozos se secan, a falta de alimentos e o acceso á auga converteranse en grandes desafíos.


En Angola, a diminución das chuvias traduciuse nunha diminución gradual da capa freática e moitos ríos estanse a secar progresivamente e estímase que entre un 40-50 por cento dos puntos de auga xa non están en funcionamento. En Namibia, o 41 por cento das escolas non teñen acceso a unha subministración de auga.