A pneumonía segue sendo a primeira causa de mortalidade infantil

Pódese combater con medidas simples, segundo especialistas sanitarios de todo o mundo

Con motivo da conmemoración do cuarto Día Mundial da Pneumonía, hoxe 12 de novembro, expertos de todo o mundo e a Coalición Mundial contra a Pneumonía Infantil solicitaron maiores esforzos na loita contra a pneumonía infantil, que segue sendo a principal causa de morte de nenos menores de cinco anos. A pneumonía provocou 1,3 millóns de mortes de nenos en 2011, e foi responsable da morte de case un de cada cinco nenos.

"A pneumonía pode previrse e curarse. Non obstante, dende hai moito tempo é a principal causa de mortalidade infantil no mundo. Sabemos que facer, e logramos un avance importante, pero temos que facer máis. Debemos aumentar os tratamentos e asegurarnos de que chegan a todos os nenos que os necesitan", dixo o Secretario Xeral da ONU Ban Ki-moon, quen encabeza a iniciativa Cada Muller Cada Neno, un movemento que logrou destinar máis de 20.000 millóns de dólares (15.726 millóns de euros) a favor da saúde de mulleres e nenos, e cuxo obxectivo é salvar 16 millóns de vidas en 2015. Os investimentos realizados en prevención, tratamento e protección dos nenos contra a pneumonía contribuíron a diminuír de xeito significativo a mortalidade infantil durante a última década, pero o acceso a servizos sanitarios e tratamentos segue estando fóra do alcance de moitos nenos de países en desenvolvemento, onde se produce o 99 por cento das mortes por pneumonía. Segundo a Coalición Mundial contra a Pneumonía Infantil, os líderes e doadores deben priorizar os esforzos e os investimentos en intervencións de eficacia demostrada, como a subministración de vacinas e de tratamentos con antibióticos axeitados, así como a mellora do saneamento, a promoción de prácticas como a lactación materna exclusiva, o lavado frecuente de mans, a atención axeitada e o uso de aparatos destinados a limpar o aire contaminado do interior das casas. Varias destas intervencións tamén axudan a tratar a segunda causa de mortalidade infantil: a diarrea.

Antibióticos como a amoxicilina son un dos métodos máis sinxelos e baratos para combater a pneumonía. Non obstante, adminístranse antibióticos a menos dun terzo dos nenos con síntomas de pneumonía, e só unha pequena minoría recibe a amoxicilina do xeito indicado para nenos pequenos: un comprimido que se disolve nunha cantidade moi pequena de líquido ou leite materno. Segundo a Comisión da ONU sobre subministracións vitais para mulleres e nenos, administrando amoxicilina en forma de pastillas solubles aos nenos que se encontran en risco de morte, poderíase evitar a morte de aproximadamente 1,56 millóns de nenos maiores de cinco anos. Segundo o Informe de Progreso da Pneumonía difundido hoxe polo Centro Internacional de Acceso a Vacinas (IVAC polas súas siglas en inglés) da UniversidadeJohns Hopkins, o 75 por cento de todas as mortes de nenos provocadas por pneumonía prodúcense en só 15 países, o que demostra o impacto que pode ter a concentración de esforzos. O informe tamén sinala que ningún destes países alcanzou o 90 por cento de cobertura de intervencións clave contra a pneumonía, como recomenda o Plan de Acción Global para a Prevención e Control da Pneumonía (GAPP polas súas siglas en inglés). O plan GAPP, publicado en 2009 pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF) sinalou que se poderían reducir dúas terceiras partes das mortes de nenos se se levasen a cabo tres intervencións en saúde infantil no 90% dos nenos do mundo: lactación materna, vacinación e atención axeitada, que inclúe a administración de antibióticos  

Nos tres últimos anos, a Alianza GAVI apoiou máis de 20 países na introdución da vacina neumocócica conxugada, que evita a principal causa de pneumonía infantil. Se ben se produciron avances, na actualidade só 7 dos 15 países analizados no informe do IVAC teñen niveis de cobertura de vacinación situados no 80% ou por enriba. A cobertura referente á lactación materna ou o acceso a antibióticos é igualmente baixa na maioría dos países. A clave para conseguir que as vacinas e os tratamentos cheguen aos nenos que máis os necesitan é facelos chegar a través dos traballadores sanitarios, xa que para moitos nenos son o primeiro, e a miúdo único, coidado sanitario que reciben. Non obstante, aOMS estima que actualmente hai un déficit de polo menos un millón de traballadores sanitarios de primeira liña, especialmente en África e algunhas zonas de Asia. Iniciativas como a campaña Cada Latexo Conta, de Save the Children, está a chamar a atención sobre esta escaseza de profesionais, o que anima a atallar o problema. O cuarto Día Mundial da Pneumonía vai a conmemorar en case unha ducia de países, como Arxentina, Burkina Faso, Camerún, Costa de Marfil, Ghana, Haití, India, Nixeria, Filipinas, Estados Unidos e Zambia. En EUA, os monumentos históricos de 15 cidades van ser iluminados con luces azuis para concienciar sobre os efectos da pneumonía na infancia e para informar sobre como poden axudar os cidadáns. Algúns edificios participantes son o Edificio Wrigley(Chicago), as Torres Trump SoHo (Nova York) e o Centro Científico doPacifico (Seattle), entre outros. Para obter máis información sobre o Día Mundial da Pneumonía e as actividades previstas, visite www.worldpneumoniaday.org.

Más información:

 

Dailo Allí 

+ 34 609 160 051

dailo.alli@unicef.es

 

Mala Persaud

+1 202-841-9336      

mala.persaud@gmmb.com

 

Julie Younkin

+1 410-340-9784

jbuss@jhsph.edu