La infancia en España: 20 años de la Convención sobre los Derechos del Niño: retos pendientes (A infancia en España: 20 anos da Convención sobre os Dereitos do Neno: retos pendentes)
Este informe é unha radiografía da infancia en España: cales son os logros acadados nos 20 anos transcorridos dende a entrada en vigor da Convención sobre os Dereitos do Neno e, sobre todo, onde se atopan os retos que aínda debemos abordar, particularmente aqueles máis urxentes ou que requiran dun maior esforzo por parte de todos.
O primeiro apartado do informe recolle unha fotografía básica da infancia en España: cantos nenos hai, onde e como viven e estudan, nenos estranxeiros, etc.
Datos talvez coñecidos, pero que resulta fundamental lembrar antes de reflexionar sobre as súas necesidades e dereitos.
En segundo lugar, abordamos un retrato máis cualitativo e necesariamente selectivo da situación da infancia en España. Dentro do enorme abanico de temas que se podían tratar, optamos por utilizar como referencia a análise realizada polo Comité dos Dereitos do Neno, centrándonos con iso de maneira principal no ámbito da acción pública (fronte aos niveis máis familiares ou sociais).
O terceiro apartado aborda o preocupante panorama da pobreza infantil. Contamos para iso coa inestimable colaboración de Cáritas-Fundación FOESSA, entidade de recoñecida traxectoria e experiencia no seguimento da pobreza e a exclusión social en España.
Finalizamos o informe co que, en definitiva, constitúe a súa razón de ser: un conxunto de conclusións e recomendacións que emanan de toda a análise realizada e que esperamos constitúan unha contribución para mellorar a aplicación da Convención sobre os Dereitos do Neno en España.
Por último, presentamos nun anexo unha das novidades principais deste informe: a publicación por primeira vez en España do Sistema de Indicadores de Benestar Infantil elaborado conxuntamente por UNICEF e o Observatorio de Infancia de Asturias, para o cal contamos coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade e dun amplo grupo de expertos.