Nenos soldado en República Centroafricana e Sudán do Sur

Os conflitos en República Centroafricana e Sudán do Sur puxeron en primeiro plano o problema da utilización de nenos en enfrontamentos armados.

En Bangui, capital de República Centroafricana, 23 nenos de entre 14 e 17 anos foron liberados esta semana de grupos armados, e hai moitos máis identificados para a súa posta en liberdade nos próximos días.

Os 23 nenos, dos que 6 son nenas, foron levados dunha base militar a un Centro de Tránsito e Orientación apoiado por UNICEF no que se proporciona educación básica, actividades deportivas, formación profesional e habilidades para a vida cotiá, ademais de apoio psicosocial que reciben mentres se busca as súas familias e se prepara a reintegración nas súas comunidades.

A liberación destes nenos é resultado das negociacións entre os representantes da ONU e as autoridades de transición para permitir o acceso a todas as bases militares do país e para que os nenos que se encontran alistados nas antigas forzas nacionais/Seleka poidan ser liberados polos responsables de protección infantil.

"Os novos enfrontamentos producidos en setembro e decembro de 2013 aumentaron o risco de que os nenos sexan recrutados", sinalou o representante de UNICEF en República Centroafricana, Souleymane Diabaté.
 
"A violencia e a inseguridade fai que os nenos sexan máis vulnerables ao recrutamento, sobre todo se están separados das súas familias, desprazados dos seus fogares ou teñen acceso limitado a servizos básicos e educación. Ás veces esa dor pola perda dos pais ou irmáns tamén é utilizada na súa contra".

Este último ano de crise crónica en República Centroafricana converteuse nunha complexa emerxencia que esixe protección humanitaria, xa que ten consecuencias dramáticas para os nenos. Cre que o número de nenos recrutados aumentou considerablemente debido ao aumento dos enfrontamentos e o xurdimento de grupos de autodefensa, como o anti-balaka.

Aínda que as inestables condicións de seguridade fan que sexa extremadamente difícil que os responsables de protexer os nenos poidan verificar o número exacto, UNICEF calcula que a cifra actual podería chegar a 6.000.

"Non hai lugar para os nenos nos conflitos armados e estamos moi animados por esta colaboración coas autoridades de transición para devolver aos nenos a súa infancia", valorou Diabaté.

En Bangui e en todo o país, UNICEF está a traballar con todas as partes no conflito para verificar, liberar e reunir os nenos coas súas familias. Anímanos esta colaboración coas autoridades de transición e seguimos traballando con todas as partes para a liberación de todos os nenos á maior brevidade".

Dende maio de 2013, UNICEF e os seus aliados lograron a liberación de 229 nenos vinculados a forzas e grupos armados en República Centroafricana.

PREOCUPACIÓN EN SUDÁN Do SUR

UNICEF expresou tamén a súa profunda preocupación polo uso de nenos soldado no conflito armado que ten lugar en Sudán do Sur.

Aínda que non se pode confirmar o dato concreto de nenos involucrados nos combates, UNICEF urxe a todas as partes no conflito a que non utilicen nin permitan o uso de nenos e pide a súa liberación inmediata.

UNICEF forma parte do Mecanismo de Seguimento e Información sobre nenos afectados por conflitos armados, por mandato do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. A pesar da falta de acceso e de seguridade, UNICEF está a traballar cos seus aliados para asegurar que se continúe informando sobre estas violacións.

"UNICEF recorda a todas as partes no conflito que teñen compromisos e obrigas baixo o dereito internacional e nacional", afirmou o representante de UNICEF en Sudán do Sur, Iyorlumun Uhaa. "Calquera parte que non se adhira ás leis que prohiben a participación de nenos en conflitos armados deberá render contas ante a xustiza".