2 meses de confinamento e de traballo pola educación
Aínda que a vida continúa a pesares da expansión da enfermidade, a situación non é a mesma que a principios de marzo
Xa pasaron dous meses desde o establecemento do Estado de Alarma en España. A emerxencia provocada polo COVID-19 derivou nunha emerxencia educativa sen precedentes no mundo.
O estado de alarma en España comezou o 14 de marzo, supoñendo o peche de todos os centros educativos de todos os niveis en todo o territorio. Esta medida supuxo que os 8.237.006 estudantes de ensinanzas non universitarias tiveran que continuar coa súa aprendizaxe desde os seus fogares, poñendo a proba a capacidade de resposta do sistema educativo, das familias e dos propios nenos, nenas e adolescentes.
Aínda que os centros pecharan, a educación non se detivo. Tampouco UNICEF España: demos unha resposta integral e un acompañamento constante á comunidade educativa defendendo os dereitos da infancia e a cidadanía global.
Durante este tempo de confinamento seguimos en contacto cos centros referentes en educación en dereitos da infancia e a cidadanía global e as escolas colaboradoras a través de diferentes propostas, medidas e iniciativas nos diferentes niveis (administración, profesorado, familias e alumnado), entre elas e a modo de resumo, as seguintes:
Administración
A nosa experiencia de traballo en todo o mundo permítenos ofrecer medidas para resolver o curso escolar 2019-2020 e planificar sen demora as accións que permitan asegurar o dereito á educación a medio prazo, protexendo ademais o dereito á saúde da comunidade educativa.
Para iso, trasladamos ás autoridades educativas unha serie de recomendacións que se poden consultar nos documentos:
- A educación ante o COVID-19: Propostas para impulsar o dereito á educación durante a emerxencia, na que se recollen medidas tanto para paliar o seu efecto no sistema educativo como para utilizar a educación como un elemento clave para superar a crise
- COVID-19: Protexer a saúde nas aulas, cos principios básicos para asegurar o dereito á saúde ao reabrir os centros educativos e para poder garantir o seu funcionamento seguro
Profesorado
Durante estas semanas de confinamento estivemos en contacto co persoal docente de moitos centros educativos, coñecendo o seu excelente traballo e dedicación. Co propósito de coñecer a situación do sistema educativo durante o confinamento, desde UNICEF España lanzamos unha enquisa que responderon 390 docentes.
Aínda que esta enquisa non é representativa da comunidade educativa española, tampouco era o seu propósito, si nos permitiu extraer algunhas conclusións a través das cales orientar recursos, políticas e accións determinadas.
Ademais, estivemos moi activos nas nosas redes sociais e no noso blog, compartindo materiais, ideas e propostas durante estes 55 días. Falamos da fenda dixital, dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e do día da Terra, entre outros temas.
Participación infantil e adolescente
O confinamento permitiu visualizar o talento de moitos nenos, nenas e adolescentes, a través da participación infantil e adolescente, permitiunos coñecer receitas de cociña, adestramentos deportivos, trucos de maxia ou novos peiteados, entre outras cousas. A través dos 22 capítulos de Clip Club TV de UNICEF e Alcántara Family Foundation fomos testemuñas deste talento.
Familias
A maioría dos nenos, nenas e adolescentes pasaron o confinamento nos seus fogares coa familia. Para facer máis levadeira esta situación, desde o principio do confinamento propuxemos dez tarefas de rutina diaria no fogar que involucran a toda a familia. Tamén abordamos a saída dos nenos para pasear e o rol dos avós e avoas na nosa sociedade, xa que xogan un papel importantísimo no desenvolvemento emocional e educativo dos nenos, nenas e adolescentes.adolescentes
A vida cotiá
Aínda que a vida continúa a pesares da expansión da enfermidade, a situación non é a mesma que a principios de marzo. Por iso, desde UNICEF seguiremos impulsando a educación en dereitos da infancia e a cidadanía global, desenvolvendo novas medidas e accións durante as diferentes fases da emerxencia educativa do CoVID-19. Para conseguilo, pedímosche que, se podes, colabores con nós.
#educaCOVID19
O COVID-19 está a ter un impacto moi importante no dereito á educación de millóns de estudantes, nos docentes e centros educativos e nas familias. Requírense solucións innovadoras, recursos e tempo, pero tamén paciencia e boa vontade. Xuntos podemos superar este focho educativo e convertelo nunha aprendizaxe. Fagamos que todo saia ben!