Xogo de rol - Paz e non violencia
Xogo de rol: paz e non violencia
Neste xogo exponse dúas situacións cun posible conflito no que cada personaxe mostra unha actitude e unha opinión diferente.
Xogo para Educación Primaria.
Este xogo formula conflitos mediante unha imaxe con distintos personaxes e distintas posturas ante un feito concreto, buscando o fomento da escoita activa e a expresión do propio criterio, a tolerancia, a empatía, a cooperación, o intercambio de puntos de vista, o consenso… Unha opción de construción de paz para vivir o día a día.
Orientación sobre etapa educativa
Este xogo está recomendado para alumnado do ciclo superior de Primaria (CS).
Dereitos da infancia relacionados:
- Dereito á protección fronte á violencia.
- Dereito á participación e á liberdade de expresión.
Como se xoga?
Este xogo inclúe dúas pantallas distintas. En cada unha delas preséntase unha situación concreta ficticia, pero que podería estar vencellada ao día a día do alumnado, que amose un posible conflito. Cada un dos personaxes que aparece na pantalla amosa unha actitude ou unha opinión ante o conflito presentado.
Trátase de que, en cada pantalla, despois de ler/escoitar o que di cada personaxe, o alumnado comente cada intervención achegando os argumentos a favor e en contra desta. Pódense mesmo formar equipos se hai alumnos abondos / alumnas abondas que sustenten cada opción, montando un debate no que cada grupo tente convencer o outro de que a súa alternativa é máis axeitada. O alumnado poderá cambiar de bando se o outro lle convence máis.
Ao final, a modo de peche da actividade, unha persoa representante de cada equipo fará un resumo da situación, argumentando por que finalmente lle parece mellor unha opción ou outra e se no transcurso do debate os seus compañeiros / as súas compañeiras ou el/ela cambiaron de opinión, e por que razón.
Mentres xogades
O debate das distintas posibilidades e por que é mellor unha que outra para garantir un clima de paz, inclusión, empatía, etc., pero tamén de respecto por un mesmo e polos demais, mantense durante o xogo, o que converte esta actividade nunha proposta dinámica.
Conceptos clave:
Convivencia, tolerancia, inclusión, respecto, paz, non violencia, liberdade de expresión, negociación, argumentación.
Dirixido a: Aula de Educación Primaria.
Edita: UNICEF España, decembro de 2023
Conceptualización e produción: Eduxarxa, SCCL
Tamén dispoñible en: CAS |
Dispoñible en Genially en: CAS | CAT | EUS | GAL | VAL | ENG
Descobre máis recursos interactivos sobre paz e non violencia
Estes recursos educativos forman parte dun proxecto financiado por MDSA2030/NextGenUE/PRTR - Orden DSA/1110/2022, de 17 de novembro – Modernización Tercer Sector -Exp.77/22
Actividade para celebrar o Día Mundial da Infancia
Somos infancia!
Este 20 de novembro, Día Mundial da Infancia, queremos propoñer unha reflexión sobre o que significa a infancia e a adolescencia, que nos preocupa, que valoramos máis, que queremos reivindicar desde as aulas... Súmaste?