Xogo: A casa da paz
A casa da paz
Xogo para Educación Infantil que nos axuda a identificar contornas de paz cotiás
Que elementos serven e cales non para construír un ambiente de paz e tranquilidade?
Neste xogo, vemos espazos cotiáns nunha casa; a cociña, o dormitorio, o baño e o salón. Estes espazos relaciónanse con costumes que nos levan ao noso benestar diario: a alimentación, o sono, a hixiene, a relaxación e o tempo en familia. Cando algunhas das necesidades e rutinas de coidado básicas que debe cubrir un fogar non se cumpren, medra o risco de tensións, frustración e malestar.
Ademais, para que haxa benestar, é necesario crear un ambiente de paz e non violencia que, en parte, podemos conseguir co coidado da nosa contorna.
Trátase de aprender a identificar que elementos da contorna inflúen nas nosas emocións e sensación de seguridade, permitíndonos construír un ambiente de paz e tranquilidade. tranquilidade.
Dereitos da infancia relacionados:
- Dereito ao descanso e ao xogo
- Dereito á familia
- Dereito á nutrición
- Dereito á auga, ao saneamento e á hixiene
Como se xoga?
O xogo facilítanos imaxinar unha casa onde reine a paz, vinculando cada un dos espazos a un dereito concreto que axude a construíla. Por exemplo, a cociña quedaría ligada ao dereito á nutrición. O salón, ao dereito á familia e ao xogo. O dormitorio, ao dereito ao descanso. E o baño, ao dereito a auga, ao saneamento e a hixiene. Se conseguimos promover todos estes dereitos, conseguiremos tamén un ambiente de paz e harmonía.
Para acadar esta “casa da paz”, cada cuarto débese amoblar con obxectos e elementos que axuden a conseguir o dereito vencellado a cada espazo. Por exemplo, unha comida nutritiva axudaranos a promover o dereito á nutrición; pero débense refugar os elementos contrarios a esta idea, que non nos permitan conseguir o dereito desexado e construír un ambiente de paz (por exemplo, xoguetes bélicos ou berros).
Trátase dun xogo baseado no arrastre de figuras, que deben levarse ao espazo correcto. Por exemplo, a froita, á cociña, valorando sempre se ese elemento nos permite construír a paz ou non. Podemos facernos preguntas como "Fainos sentir ben a froita?", "Sérvenos para estar mellor?".
Dependendo do grupo-clase e dos recursos dispoñibles, podemos realizar a tarefa de arrastrar os obxectos ou delegárllela aos participantes por quendas.
Mentres se xoga
Ademais do xogo de arrastre e a construción dun ambiente ideal para fomentar a paz e a non violencia, proponse abrir un pequeno debate co alumnado para falar de cada un dos elementos que aparecen no xogo:
- Por que algúns son axeitados para construír un ambiente pacífico e outros non?
- Que pensa cada participante?
Por exemplo, conseguir unha boa nutrición (dereito á nutrición) permite sentirse mellor, estar máis san, máis tranquilos e felices. Polo tanto, dende este punto de vista, é máis doado conseguir un ambiente de paz e non violencia.
Se este xogo se desenvolve xunto coas familias é importante reflexionar sobre a importancia que ten o cumprimento dos dereitos fundamentais da infancia na xeración dunha contorna de paz. O incumprimento dos dereitos da infancia é, en si mesmo, un acto de violencia.
Conceptos clave:
Convivencia, paz, non violencia, pacifismo, dereitos da infancia, necesidades básicas, hábitos e rutinas, fogar, familia.
Dirixido a: Alumnado de Educación Infantil, familias.
Edita: UNICEF España, decembro de 2023
Conceptualización e produción: Eduxarxa, SCCL
Tamén dispoñible en: CAS |
Dispoñible en Genially en: CAT | CAS | EUS | GAL | VAL | ENG
Descobre máis recursos interactivos sobre paz e non violencia
Estes recursos educativos forman parte dun proxecto financiado por MDSA2030/NextGenUE/PRTR - Orden DSA/1110/2022, de 17 de novembro – Modernización Tercer Sector -Exp.77/22
Somos infancia!
Actividade para celebrar o Día Mundial da Infancia
ste 20 de novembro, Día Mundial da Infancia, queremos propoñer unha reflexión sobre o que significa a infancia e a adolescencia, que nos preocupa, que valoramos máis, que queremos reivindicar desde as aulas... Súmaste?