Quiz de actualidade - Paz e non violencia
Quiz de actualidade
Resolvede este quiz no que se presentan preguntas ligadas a algúns feitos violentos da actualidade e coas que deberedes reflexionar sobre cal é a resposta máis acertada.
Xogo Educación Secundaria.
Este xogo busca fomentar a capacidade para detectar distintas formas de violencia na actualidade (facendo énfase no concepto da cultura da violencia amplamente asumida). Partimos de novas que se xeran en todo o mundo e vemos tamén o xeito no que os medios de comunicación as tratan ou as difunden. É unha actividade interesante para poder introducir na aula a idea da diferenza entre información e opinión e poder debater sobre isto.
As cuestións que hai que resolver formularanse tentando apelar ao sentido crítico do alumnado, visualizando maneiras de xestionar ou resolver os conflitos que pasan por un cambio de ollada do mundo (con menos prexuízos, máis empatía...).
Ofrécense ligazóns vinculadas á información á que fan referencia as preguntas, que poden axudar a ampliar os coñecementos sobre o caso presentado.
Orientación sobre a etapa educativa
Propoñemos este xogo para bacharelato, aínda que, se se desexa, pódese realizar noutras etapas educativas, en función do nivel madurativo do grupo.
Dereitos da infancia relacionados
- Dereito á protección fronte á violencia
- Dereito á igualdade e á non discriminación
- Dereito ao acceso á información axeitada, útil e veraz
- Dereito á liberdade de expresión
Como se xoga?
Trátase dun quiz tradicional no que se formulan cinco preguntas ou afirmacións ligadas a unha actualidade relativamente recente. Danse tres respostas posibles, das cales só unha é totalmente certa (as demais poden ser total ou parcialmente erróneas ou reflectir opinións valorativas, non feitos).
Pódese optar por un xogo cooperativo, no que, entre todo o alumnado que forma o grupo-clase, se tentan atopar as solucións ás preguntas formuladas; tamén se pode escoller formar equipos que compitan entre si para ver quen acerta antes a pregunta formulada. Neste último caso, gañaría o grupo que tivese máis acertos ao final do xogo.
Despois do xogo
A idea é que este xogo de preguntas sirva como quentamento para un debate sobre os aspectos que suscita cada pregunta ou afirmación.
Algunhas ideas e conceptos que se poden salientar durante o debate:
Que chama máis a atención dos casos presentados?
A sociedade, tivo sempre unha visión crítica ante casos como os que se expoñen?
Como coidades que cambiaron as cousas?
Nos casos que se presentan, onde remataría a información e comezaría a opinión?
Que información se precisa para poder opinar? Onde se pode obter?
As respostas poden ilustrarse con exemplos concretos.
Os conflitos presentados, achegaron algún elemento positivo? Cal? Por que?
- Lembrades como trataron a prensa, as redes sociais, etc. cada un dos casos expostos?
As respostas poden ilustrarse con exemplos concretos. Se se desexa continuar coa actividade, pódese buscar información sobre cada tema, por grupos ou individualmente.
Conceptos clave:
Paz, non violencia, convivencia, respecto, diferencias, tolerancia, discriminación, noticias, fake news, medios de comunicación, redes sociais.
Dirixido a: ESO e Bacharelato.
Edita: UNICEF España, decembro de 2023
Conceptualización e produción: Eduxarxa, SCCL
Tamén dispoñible en: CAS
Dispoñible en Genially en: CAS | CAT | EUS | GAL | VAL | ENG
Descobre máis recursos interactivos sobre paz e non violencia
Estes recursos educativos forman parte dun proxecto financiado por MDSA2030/NextGenUE/PRTR - Orden DSA/1110/2022, de 17 de novembro – Modernización Tercer Sector -Exp.77/22
Somos infancia!
Actividade para celebrar o Día Mundial da Infancia
ste 20 de novembro, Día Mundial da Infancia, queremos propoñer unha reflexión sobre o que significa a infancia e a adolescencia, que nos preocupa, que valoramos máis, que queremos reivindicar desde as aulas... Súmaste?