Xogo: Buscando o informe de Martin Smith
Buscando o informe de Martin Smith
Breakout educativo de misterio para Educación Secundaria.
Martin Smith, un coñecido activista xuvenil en favor do medio ambiente e dos dereitos dos pobos indíxenas necesita axuda para recuperar un informe que lle roubaron.
O obxectivo do xogo é solucionar un enigma para protexer os dereitos dunha persoa ou colectivo, poñendo énfase na resolución de conflitos de forma non violenta. Póñense de relevo cuestións como a responsabilidade social, sendo críticos cos prexuízos e estereotipos. Apélase tamén á necesidade de aplicar estratexias eficaces na resolución de conflitos alleos ou que non nos afectan persoalmente, intentando construír unha sociedade baseada na paz e cambiando a cultura da violencia que nos rodea.
Este tipo de proposta permítenos considerar conflitos multifactoriais e abordalos desde a suma de accións de múltiples actores, necesarias para construír unha solución.
Dereitos da infancia vencellados/relacionados:
- Dereito á protección fronte á violencia.
- Dereito á participación e á liberdade de expresión.
- Dereito á saúde, á auga, á alimentación e ao medio ambiente.
- Dereito ao acceso á información.
- Dereito á liberdade de asociación e reunión.
Como se xoga?
Proponse un breakout, un xogo que consiste en resolver unha serie de enigmas para poder chegar ao final.
Neste caso, poñémonos na pel duns detectives para tratar de recuperar o informe dun activista medioambiental chamado Martin Smith. O informe mostra como algunhas accións con impacto sobre o medio ambiente xeran situacións de conflito e inxustiza social. Unha organización secreta que non quere que estes datos saian á luz roubou e escondeu este informe.
Para podelo recuperar, o alumnado deberá responder correctamente ás preguntas que se fan relacionadas co tema da paz e a non violencia, neste caso vencelladas co medio ambiente.
Segundo o número de alumnos e alumnas da clase, pódese tentar xogar todos á vez en forma de xogo cooperativo, resolvendo conxuntamente os enigmas de cada misión que contén o xogo. Tamén se pode dividir a clase en diferentes equipos, que deberán resolver o misterio formulado antes que os seus contrincantes. Neste caso, gaña o equipo que máis misterios resolva; no caso de que máis de 1 grupo resolvese ben tódolos misterios, gañará o que rematase primeiro.
Despois do xogo, pódese abrir un debate ao redor das preguntas e respostas aparecidas durante o xogo.
Algunhas ideas e conceptos que se poden salientar durante o debate
- Podemos falar de paz e violencia / non violencia relacionadas co medio ambiente. Por que?
- Por que as agresións contra o medio ambiente poden ser tamén agresións contra a poboación? Falamos aquí de xustiza socio ambiental?
- Que persoas se ven máis afectadas pola violencia medioambiental? Por que?
- Que accións globais ou actitudes individuais poden axudar a construír a paz medioambiental? De que xeito?
- Que proxectos liderados por mozos e mozas que pretendan manter a paz medioambiental ou con outro enfoque coñecedes? Investigade algúns:
- Yero Sarr, activista senegalés en contra do cambio climático;
- Autumn Peltier, activista da primeira nación Wiikwemkoong (Canadá) en favor do dereito á auga dos pobos nativos;
- Malala Yousafzai, activista paquistaní en favor da educación das nenas.
- Vibha Venkatesha, activista americana polos dereitos dos migrantes e refuxiados en Estados Unidos
- Sonita Alizadeh, activista afgá contra os matrimonios forzados, etc.
Conceptos clave: Convivencia, coidado, paz, medio ambiente, indixenismo, tolerancia, diversidade cultural
Dirixido a: Educación Secundaria
Edita: UNICEF España, decembro de 2023
Conceptualización e produción: Eduxarxa, SCCL
Tamén dispoñible en: CAS |
Dispoñible en Genially en: CAS | CAT | EUS | GAL | VAL | ENG
Descobre máis recursos interactivos sobre paz e non violencia
Estes recursos educativos forman parte dun proxecto financiado por MDSA2030/NextGenUE/PRTR - Orden DSA/1110/2022, de 17 de novembro – Modernización Tercer Sector -Exp.77/22
Somos infancia!
Actividade para celebrar o Día Mundial da Infancia
ste 20 de novembro, Día Mundial da Infancia, queremos propoñer unha reflexión sobre o que significa a infancia e a adolescencia, que nos preocupa, que valoramos máis, que queremos reivindicar desde as aulas... Súmaste?