Saímos da casa en familia… E agora que?
Os nenos e nenas menores de 14 anos poderán saír da casa desde o 27 de abril, con algunhas limitacións. Isto traslada unha gran responsabilidade ás familias e, quizais, algo de estrés engadido. Como o faremos para facelo ben?
23 ABR 2020
Educar non é sinxelo, e facelo en medio dunha crise, moito menos. O illamento no fogar prívanos de moitos bos momentos pero tamén nos da algunhas certezas, frustrantes, pero certezas ao fin e ao cabo: salvo dolorosas excepcións, nestes días cada casa é unha contorna de seguridade, de confianza e de espontaneidade. A rúa, que sempre foi un lugar aberto, de esparexemento e de liberdade, está agora chea de limitacións, de restricións e de normas que son alleas ao que entendíamos como vida cotiá pero que temos que asumir como propias cada vez que saímos. Transmitir isto a un neno ou nena que está desexando saír á rúa (á “rúa de sempre” non á de agora) pode ser un esforzo educativo titánico.
El enfoque de Educación en Dereitos permítenos abordar este conflito desde unha perspectiva de dereitos e responsabilidades que nos pode axudar a afrontar esta situación fortalecendo as competencias cidadás dos nenos e nenas. Para isto, é moi importante ter presente que cada saída supón o conflito entre dous dereitos: o dereito á saúde e o dereito ao xogo e hai que axudar a cada neno a que sexa capaz de entender a situación e, na medida das súas capacidades, tomar decisións responsables
Imos intentar reflexionar sobre algunhas cuestións para que poidamos sacar algunha aprendizaxe positiva deste novo reto educativo que nos supón o coronavirus.
Se podemos saír... é que non hai risco? É totalmente seguro?
Os datos dispoñibles indican que a cifra de mortalidade e morbilidade por COVID-19 é maior agora que cando comezou o illamento. Confíase en que parte da poboación poida estar xa inmunizada, pero descoñécese aínda en que medida. Os nenos e nenas poderán saír á rúa, non porque o risco pasara, se non porque foi unha ampla petición das familias, baseada en necesidades sociais e emocionais. Isto traslada ás familias parte da responsabilidade sobre o control da propagación do virus. Algunhas recomendacións que os nenos e nenas poidan entender e asumir a situación:
- Ao saír, evita transmitir unha sensación de excesiva seguridade. Non hai que dicir “non pasa nada”: O risco existe e hai que facer fronte sen falsear a situación
- O extremo contrario tampouco é bo: demasiado temor ou control pode terminar facendo que a saída sexa unha experiencia negativa que incremente os medos ou temores que poidan estar xa presentes.
- Un enfoque que pode ser práctico é transformalo nunha aventura, en función da idade: podemos estar de misión na lúa, nunha selva tropical con serpes e arañas ou calquera cousa que se nos ocorra, e nos poida axuda a transformar as normas de prevención en regras do xogo.
Que medidas de protección son necesarias?
As que con carácter xeral e en cada momento determinen as autoridades, no que se refire a horarios, distancias, actividades, hixiene e elementos de protección individual (EPIs). Con todo, ao referirnos a nenos e nenas, preséntanse algúns retos:
- As medidas de desinfección necesarias ao volver ao fogar (hixiene persoal, cambio de zapatos, lavado da roupa, limpeza dos xoguetes…) pode ser especialmente complicada en determinados rangos de idades ou dependendo da situación emocional do momento. É importante ter isto en conta e prevelo para que a volta a casa sexa o máis tranquila posible.
- Se os EPIs foran necesarios, pode chegar a ser difícil encontrar tallas de máscaras e luvas para os máis pequenos. Nestes casos, hai que facer caso ás autoridades sobre as medidas de protección alternativas máis adecuadas.
- Os elementos de protección presentan unha dificultade adicional para moitos nenos e nenas: ao estar incómodos con eles, quítanos ou poden sentirse frustrados. Se é o caso, considera todas as opcións hixiénicas alternativas e incluso valora se o paseo é posible.
Falando de frustración, como a manexamos?
A perspectiva dun paseo parecido ao dunha estampa victoriana, cos nenos tranquilamente dados da man dos adultos, xogando tranquila e controladamente, sen tocar nada… quizais non sexa o que temos na cabeza cando pensamos en saír con eles e, o máis importante, non é o que os propios nenos e nenas teñen en mente. Por iso é moi importante:
- Non xerar falsas expectativas sobre as saídas. Se os tranquilizamos con promesas que non vamos poder cumprir, estaremos a traizoar a súa confianza e a situación pode ser peor logo.
- Respectar as súas decisións sobre saír ou non: algúns nenos poden preferir quedar na casa a saír, se non van poder xogar na rúa ou ver aos seus amigos. Pode resultar desconcertante pero, especialmente a partir de certa idade teñen as súas razóns.
- Se queremos que os nenos saian á rúa polo seu benestar, é importante que llo fagamos saber: do mesmo xeito que non é sinxelo convencelos de que comer verdura cocida é divertido, non imos conseguir que crean que “saír a estirar as pernas e que nos dea o sol e o aire”, é divertido. Hai que facer un esforzo por involucralos e responsabilizalos en hábitos saudables.
- Ter un “Plan B”. É importante que teñamos unha alternativa preparada en caso de que a saída se torza ou empece a ir mal, evitando trasladar as nosas propias frustracións e expectativas sobre eles ou botándolles a culpa por non portarse ben.
E se saen á rúa e iso non lles axuda a sentirse mellor?
Esta é a pregunta á que todos temos un pouco de medo. Unha reflexión moi importante que temos que facernos sempre como educadores é onde terminan as expectativas, desexos e soños dos nenos e onde comezan os nosos. Todos queremos que a pandemia acabe, que deixe de haber persoas sufrindo, que poidamos volver ás nosas rutinas de estudo e traballo, que os traballadores dos sectores esenciais poidan descansar un pouco... pero iso vai tardar en chegar. Incluso cando chegue, tardaremos un tempo en sentirnos ben. É necesario que os nenos e nenas tamén o saiban.
Nesta emerxencia, como en todas, é clave para o benestar emocional dos nenos, nenas e adolescentes que lles transmitamos calma, confianza e responsabilidade: eles teñen algo importante que facer, contribuíndo a que todo saia ben e teñen que ser conscientes diso. Pero isto non significa que depositemos sobre eles expectativas que non poden cumprir. Durante toda a infancia e a adolescencia, temos as nosas capacidades emocionais en desenvolvemento, e iso fainos á vez máis fortes e máis vulnerables. Durante unha crise, son moitos factores vitais que se alteran e non sempre os máis evidentes son os que causan máis estrés. Agora mesmo hai moitos elementos que poden estar afectando ás emocións dos nenos e nenas, ademais do confinamento, e debemos telos en conta:
- O peche dos centros escolares, a dificultade para estudar, a incerteza sobre o peche do curso, os exames ou as notas.
- As relacións sociais: Internet non é igual que o parque ou o patio de recreo e os roles de popularidade, liderado ou confianza poden cambiar radicalmente
- A preocupación polas persoas enfermas ou con maior risco de enfermar, aínda que non as coñezan, pero especialmente se teñen avós ou coñecidos maiores.
- A preocupación pola propia saúde, acentuada polo tratamento mediático da pandemia e as conversas que escoitan na súa contorna.
- A preocupación pola economía, o traballo e a situación laboral dos seus pais.
- A falta de participación na toma de decisións, especialmente as educativas, sobre todo entre os rapaces e rapazas máis maiores.
Hai moitas outras, tantas como nenos e nenas, pero unha delas é básica: o estrés que perciben nas súas familias. Por moito que lles digamos que “todo vai saír ben”, se non o senten, non o van crer.
Todo vai saír ben?: Quizais, pero mellor: Fagamos que todo saia ben.
Suxeitos de dereitos
Desde que en 1989 se ratificou a Convención sobre os Dereitos do Neno, os nenos, nenas e adolescentes son considerados en todo o mundo suxeitos de dereitos. Isto significa que teñen a cidadanía plena e que, na medida das súas capacidades, poden participar das decisións que lles afectan e asumir a súa responsabilidade no exercicio dos seus dereitos e na protección dos dereitos dos demais.
Nunha situación de crise que afecta á saúde pública, isto significa que os nenos e nenas non só necesitan ser educados na protección da súa propia saúde, se non na protección da saúde dos demais. Facelo fortalecerá o seu sentido da responsabilidade, a súa autonomía, a súa percepción da propia capacidade para mellorar as cousas e a súa habilidade de toma de decisións.
#educaCOVID19
O COVID-19 está a ter un impacto moi importante no dereito á educación de millóns de estudantes, nos docentes e centros educativos e nas familias. Requírense solucións innovadoras, recursos e tempo, pero tamén paciencia e boa vontade. Xuntos podemos superar este focho educativo e convertelo nunha aprendizaxe. Fagamos que todo saia ben!